O goberno vilagarcián ultima o avance do plan xeral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno municipal, os seus técnicos e os da consultora Eptisa traballan a bo ritmo coa intención de que a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) poida aprobarse inicialmente polo pleno no prazo dun ano e, polo tanto, abrir así o debate público sobre o futuro da cidade a través das alegacións ou suxestións que presenten persoas individuais, colectivos e entidades.

Dende que tomou posesión da alcaldía Alberto Varela, os contactos do novo goberno con Eptisa están sendo constantes, ata o feito de que nos últimos catro meses as reunións de traballo foron máis que as desenvolvidas polo anterior goberno en catro anos. Onte mesmo se celebrou a última, na que se deu por concluía a fase de revisión da planimetría. A partir de agora ábrese unha nova, a da revisión da proposta inicial do catálogo de bens a conservar.
Como consecuencia da primeira, o goberno local suxeriu á consultora unha serie de modificacións que teñen que ver, fundamentalmente, con aliñacións de rúas, clasificacións de solos, posibles incorporacións de convenios e cambios na redacción de determinadas ordenanzas urbanísticas.

Ao tempo que Eptisa introduce esas modificacións nos textos e planos xerais, os redactores do plan, os técnicos municipais e o goberno continuarán traballando sobre o catálogo. A intención do equipo de Alberto Varela é que no prazo de dous meses xa se poidan abrir as mesas de traballo cos distintos grupos políticos da Corporación, coa vista posta na aprobación inicial do novo Plan dentro dun ano. Ademais do debate político, antes de elevalo ao pleno é necesario que a proposta urbanística reciba os informes sectoriais correspondentes –Urbanismo, Medioambiente, Patrimonio, etcétera-, os mesmos que o anterior goberno nunca chegou a solicitar malia que así o anunciara en setembro de 2013.

MODIFICACIÓN PUNTUAL

Mentres Vilagarcía non conta cun documento que haberá de definir a súa estratexia de crecemento para a próxima década, o concello terá que seguir recorrendo a modificacións puntuais do actual Plan. É o caso da que facilitaría a reclasificación dunhas parcelas próximas ao porto a fin de que as consignatarias que hoxe operan no peirao do Ramal poidan trasladarse, liberando así este espazo para o uso público. Precisamente porque se trata dunha modificación “puntual”, esta se ceñirá única e exclusivamente á proposta de traslado das naves, como precisan e demandan os consignatarios afectados.

4 de febreiro de 2016 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.