O goberno galego dá luz verde á lei para desbloquear a situación urbanística de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O Goberno galego deu luz verde á Lei de medidas para proxectos de especial urxencia ou interese público que permitirá “desbloquear” a situación urbanística de Vigo, despois de que o Tribunal Supremo anulase o seu plan xeral de ordenación municipal (PXOM). Tamén será unha vía para calquera outro concello que poida verse nunha situación similar, e necesite impulsar con rapidez proxectos promovidos por administracións públicas.

Esta solución “legal”, o contido da cal detallou o presidente, Alberto Núñez Feijóo, ao termo da reunión semanal do seu Executivo incorpora un artigo único e tramitarase pola vía de lectura única no Pazo do Hórreo, onde será aprobada este mes de febreiro. A partir de aí e cando entre en vigor, a ampliación dos terreos para a factoría viguesa de PSA Citroën, que depende da Zona Franca, tardará “entre catro e tres meses”.

“É un proceso rigoroso”, defendeu Feijóo, quen lamentou que o “bloqueo” de AGE impedise incorporar esta vía na Lei do Solo aprobada esta mesma semana, pero reivindicou que a Xunta actúa “48 horas despois”. Faino cunha solución -remarcou- que “respecta a autonomía local, mantén a esixencia de todos os informes sectoriais requiridos, incluído o de impacto ambiental, e respecta as resolucións xudiciais”.

Segundo explicou, a autonomía municipal garántese porque será necesario un informe “preceptivo e vinculante” do Concello en cuestión e, se este é desfavorable, a Xunta arquivará o proceso. Ademais, o Concello poderá suspender as obras mesmo unha vez aprobado, se non se axusta á licenza e ao procedemento estipulado na lei.

Así mesmo, os proxectos deberán recibir todos os informes sectoriais previos que sexan necesarios -incluído o ambiental- e Feijóo destacou que o mecanismo non busca “evitar” as resolucións xudiciais, senón “o contrario”, xa que para que esta vía se poida utilizar, o Concello debe iniciar o procedemento para un novo plan de ordenación municipal. “Son medidas garantistas para ser útiles ao país”, resumiu.

11 de febreiro de 2016 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.