O goberno de Ourense nega que exista paralización nos contratos da Concellería de Asuntos Sociais
A concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, nega rotundamente as acusacións verquidas este mediodía polo Grupo Municipal do PSOE sobre a presunta paralización dos contratos de servizos asistenciais.
A inseguridade existente ao abeiro da Lei de Racionalización e Sostenibilidade que establecía que a partires do 1 de xaneiro de 2016 os servizos sociais pasarían a ser prestados polas autonomías, tal e como indicaban os técnicos, fixo que xa o goberno anterior deste Concello fixase como data límite das contratacións de servizos o mes de decembro de 2015.
“Non foi ata finais do pasado ano” – afirma a concelleira Sofía Godoy-, “que tivemos coñecemento oficial de que e lei de reforma local non impediría aos concellos continuar prestando estes servizos ata que houbese un novo sistema de financiación autonómica”.
“Isto tamén o sabe o Partido Socialista, ou debería sabelo, como tamén sabe que estamos traballando e xa están en marcha e a piques de sair os novos pregos”, sinala a concelleira de Asuntos Sociais.
“Os funcionarios municipais están a traballar sen descanso para que servizos como o de teleasistencia ou axuda a domicilio saian adiante canto antes”, recalca Sofía Godoy.
“Por iso non entendo –di a concelleira- esa necesidade de alarmar á poboación día si e día tamén”, e invita ao grupo municipal socialista a que antes de dar roldas de prensa baleiras de contido e alarmistas, cotexen e se informen de como están os precedementos.











