O goberno de Bueu reúnese con investigadores da UVigo para colaborar no aproveitamento dos usos dos montes comunais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+
Silvia Carballo na reunión cos investigadores

Silvia Carballo na reunión cos investigadores

Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e Turismo, e Sonia Cabodevila, técnica de desenvolvemento local e emprego, reuníronse esta mañá con investigadores do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, nunha primeira toma de contacto para buscar unha colaboración de cara ao aproveitamento de montes comunais para destinalos a proxectos sostibles e ecolóxicos. O obxectivo é pois “potenciar o noso, pero para iso precisamos o apoio de especialistas en xestión sostible”, declarou Carballo.

Esta reunión, na que estiveron Emma Covelo, investigadora da área de edafoloxía, e  Nuria Pedrol, experta en agricultura ecolóxica, ademais de dous estudantes que están preparando a súa tese, vén tras o interese mostrado polo ente universitario para asesorar ás persoas que queiran implantar proxectos sostibles nas parcelas de uso comunal, tal e como establece a ordenanza de aproveitamento de montes comunais non clasificados, que ten pendente de aprobación o goberno local.

Buscando a interacción de usos, os proxectos que se poden implantar poderán ser sociais, económicos, ambientais e turísticos. E nese sentido, este grupo de investigadores visitarán as parcelas para ver in situ o tipo de solo e plantación, e demais características para identificar o tipo de proxecto que sería máis viable nos diversos espazos.

Esta ordenanza pretende ser pois un instrumento legal para darlle cobertura aos usos e aproveitamentos dos montes comunais e acoller iniciativas que avoguen polo desenvolvemento sostible, a autonomía alimentaria e o aproveitamento da superficie forestal. Tal e como salientou hoxe Silvia Carballo “o que buscamos é relacionar os mercados ecolóxicos coas rutas e o medio ambiente, e crear sinerxías”.

3 de febreiro de 2016 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.