publicidade hoxe

O goberno de Ames reúnese coa Xefa Territorial de Infraestruturas para organizar a entrega de títulos da concentración parcelaria Biduído – Bugallido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Reunión para organizar a entrega de títulos

Reunión para organizar a entrega de títulos

Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, mantivo unha xuntanza coa Xefa Territorial de Infraestruturas da Consellería Medio Rural, Ana Arizón, para organizar a entrega dos títulos da concentración parcelaria de Biduído – Bugallido. Nesta xuntanza tamén participaron o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González. Esta mesma semana dende a Xunta de Galicia poranse novamente en contacto co Concello de Ames para pasarlle unha copia das persoas que teñen que recoller os títulos. Está previsto que ao longo deste mes de febreiro se realice dita entrega.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “segundo nos trasladou a Xefa Territorial de Infraestruturas da Consellería de Medio Rural está previsto que durante este mes de febreiro se entreguen os máis de 1.000 títulos da concentración parcelaria Biduído-Bugallido II. Segundo nos trasladan será necesario unha semana para facer a entrega de todos os títulos. Dende o Concello vamos habilitar o local social de Bugallido para realizar a devandita entrega”.

Dende a Xunta de Galicia emitirán un comunicado para que as persoas que teñen que recoller os títulos da parcelaria Biduído-Bugallido II saiban a documentación que teñen que levar o día da entrega de títulos. Ao mesmo tempo o Concello de Ames, en coordinación coa Xunta de Galicia, emitirá un bando municipal sobre este mesmo tema. Asemade, dende o Concello van solicitar que a Xunta lle envíe o modelo de delegación para poder achegarllo a todas as persoas que ese día non poidan acudir en persoa á entrega de títulos.

Modelo de delegación e agrupación de títulos por persoas

De feito, dende a Xefatura Territorial de Infraestruturas da Consellería Medio Rural están traballando no devandito modelo de delegación e na agrupación de títulos por persoas, xa que hai veciños e veciñas que dispoñen de varias parcelas dentro da concentración parcelaria e polo tanto de varios títulos. Esta mesma semana dende a Xunta de Galicia poranse novamente en contacto co Concello de Ames para pasarlle unha copia das persoas que teñen que recoller os títulos. Está previsto que ao longo deste mes de febreiro se realice dita entrega.

Por outra banda, o Concello de Ames solicitou información de todos os títulos que non se poden entregar debido aos cambio de cualificación das parcelas que ocasionou a aprobación do PXOM no ano 2002. O goberno municipal ten intención de poñerse en contacto con estes veciños/as. Hai que lembrar que cando se iniciou o proceso no ano 1991 algunhas parcelas estaban cualificadas como solo rústico, pero coa aprobación do PXOM no ano 2002 esas propiedades pasaron a ser urbanizables. Esta situación foi informada dende a Xunta Local de Compensación.

O Concello, a través da concelleira de Participación e Atención Veciñal, servirá de mediador entre os veciños/as e a Xunta de Galicia. Deste xeito, o Concello notificaralle á administración autonómica todas aquelas incidencias que lle trasladen os veciños e veciñas e daquelas persoas que non figuran na listaxe de entrega de títulos. Para poñerse en contacto co Concello o goberno recorda a posibilidade de facelo ben vía telefónica ou a través do correo electrónico de atención cidadá (atencioncidada@concellodeames.gal).

O rexedor municipal destaca que “dende o goberno municipal alegrámonos de que por fin se realice a entrega de títulos da concentración parcelaria de Biduído e Bugallido II, que comprende arredor de 3.000 fincas e 1.200 propietarios. Este proceso comezou o pasado 5 de setembro do ano 1991, hai máis de 25 anos, polo que xa é momento de rematar co mesmo”.

3 de febreiro de 2016 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.