O goberno de Ames abónalle 400.000 euros a Augas de Galicia por parte da obra de construción da potabilizadora Ames-Brión
Desde o departamento económico, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, informa da transferencia realizada o pasado 29 de xaneiro a favor de Augas de Galicia, que se ordenou para facer fronte ao pago de 400.000 euros correspondentes a unha parte da obra de construción da potabilizadora Ames-Brión. Deste xeito, o goberno municipal regulariza unha situación que estaba pendente de afrontar e queda resolto o pagamento desta contía que xa tiña que ser feito por parte do goberno anterior.
Cómpre lembrar que o 15 de outubro de 2009 o Consello da Xunta acordou aprobar a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia cos Concellos de Ames e Brión para a execución da obra “Abastecemento en Ames e Brión (A Coruña) (1ª fase) na porcentaxe do 80% e polo importe de 6.555.146,63 euros.
Neste acordo indicábase que os Concellos de Ames e Brión contribuirían ao financiamento do 20% restante deste proxecto, achega que sería abonada por cada un dos Concellos durante os anos 2009, 2010 e 2001, máis nestes anos non se fixo por parte do Concello de Ames ningún pago.
No pleno ordinario do mes de outubro de 2015 aprobouse por unanimidade de toda a corporación a transferencia de crédito 16/2015. En virtude dos compromisos adquiridos sobre a potabilizadora Ames-Brión, o Concello tivo que recoñecer unha obriga de pagamento a favor de Augas de Galicia por importe de 400.000 euros.
Posteriormente, o 26 de xaneiro de 2016 o Concello de Ames recibiu a liquidación por parte de Augas de Galicia na que se detalla o custo real das obras, incluíndo os custes adicionais de proxectos complementarios, liquidación e revisión de prezos que acada os 8.723.588,05 euros.
Pago de 400.000 euros
Recibida esta liquidación, o goberno de Ames, o 29 de xaneiro de 2016 fixo o pago a Augas de Galicia dos 400.000 euros que corresponde coa achega total pola construción da potabilizadora Ames-Brión. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “como en moitos asuntos, este goberno está a regularizar situacións que quedaban pendentes e cumprir cos compromisos que arrastramos dos anos anteriores que corresponden ao anterior goberno” .
Sobre este mesmo asunto o alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “trátase de dar cumprimento a un compromiso adquirido con Augas de Galicia. Esta é unha situación herdada do goberno anterior e que había que solucionar”. Miñones tamén apuntou “estamos agardando a ver se Augas de Galicia nos convoca a unha nova xuntanza para saber se solucionou unhas deficiencias relacionadas coa posta en marcha da potabilizadora. Se eles non nos convocan teremos que pedir nós unha nova xuntanza para coñecer como está este asunto”.











