O Goberno da Coruña solicita unha xuntanza co conselleiro de Sanidade ante a preocupación pola atención do Chuac nos abortos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Goberno local solicitou na mañá deste mércores unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, ante a “preocupación” pola atención que reciben no Chuac as mulleres que teñen que ser sometidas a un aborto por causas médicas no segundo trimestre de xestación (máis de 14 semanas) por causas médicas, para as que desde o Concello se demanda que reciban “a mesma atención que cando se trata dun parto”, e ante a falta de medios denunciada nos últimos días. “Consideramos necesario que se doten os servizos para que esta situación, xa de por si tan traumática para as mulleres, non se produza e dispoñan tanto de persoal sanitario como de anestésicos (epidural), igual que se de un parto se tratase”, sinala a conselleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, no documento remitido no día de hoxe ao departamento autonómico.

A petición súmase ás voces que se pronunciaron a este repecto na cidade –entre elas, a Plataforma Galega para o Dereito ao Aborto da Coruña–, en denuncia do incumprimento dos protocolos internacionais para estes casos no centro sanitario coruñés e para demandar que se garanta a atención integral e de calidade ás mulleres nesta situación, unha demanda coa que coincide o Goberno municipal.

Na solicitude de reunión trasladada á Xunta inclúense outros temas “de interese sanitario para o Concello” a abordar no encontro, como é a situación do COF do Ventorrillo, sen praza de xinecoloxía desde xaneiro de 2013, “algo que prexudica a todas as mulleres da área sanitaria da Coruña e conleva unha sobrecarga do COF de Orillamar, xestionado por convenio entre o Sergas e o Concello”, advirte a responsable municipal de Igualdade e Diversidade, que propón tamén a recuperación do programa de Tardes Xoves que se desenvolvía no COF de Orillamar. “Debido a súa desaparición percibiuse un descenso moi preocupante de consultas de mocidade, sendo estas as persoas que máis necesidade teñen de acceder a información sobre saúde afectivosexual”, recolle o documento dirixido ao conselleiro.

17 de febreiro de 2016 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.