O falecido na explosión de Vigo era secretario do Partido Popular no distrito vigués de Casabranca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O home falecido na explosión ocorrida na mañá destes mates en Vigo a consecuencia dun escape de gas tiña 45 anos e era secretario do PP no distrito vigués de Casabranca. Fontes do PP comunicaron que o home, Ramón González Sánz, vivía só nunha vivenda situada na sexta planta do número 4 da rúa San Salvador e era un militante “coñecido e recoñecido” nas filas do PP, onde era “moi activo e querido”.

Até o lugar dos feitos, que actualmente se atopa precintado mentres traballan efectivos de emerxencias e de limpeza, trasladáronse varios concelleiros e membros do PP, así como o socialista Carlos López Font.

En declaracións aos medios, o presidente do PP vigués, José Manuel Figueroa, trasladou que no partido están “moi doídos” polo ocorrido e deu o seu apoio a todas as familias afectadas e, en especial, á de Ramón González, a quen cualificou como “un compañeiro excepcional”.

Así mesmo, a portavoz municipal do PP, Elena Muñoz, lamentou “profundamente” esta “gran desgraza tanto como cidadá” como no seu papel de “compañeira do falecido”, do que dixo que era moi querido no PP e sempre estaba disposto a colaborar. “É un día moi triste e unha perda irreparable”, concluíu.

TRES PERSOAS FERIDAS

A deflagración causou así mesmo feridas a outras tres persoas, segundo confirmaron fontes do servizo de Urxencias Médicas 061.

Até o lugar do suceso desprazáronse unha ambulancia medicalizada e dous asistenciais para atender ás vítimas. Dous homes, F.L.L., de 86 anos; e X.M.D.A., de 38 anos, foron trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro; mentres que un terceiro, J.A.G.A., de 56 anos, foi atendido polos servizos sanitarios na zona sen precisar traslado.

Así mesmo, fontes da Policía confirmaron que o edificio foi evacuado mentres os servizos de emerxencias revisan a súa estrutura. Algúns dos veciños recolocáronse en casas de familiares, mentres que o resto foron trasladados nun autobús até un hotel próximo, onde permanecerán ata que poidan regresar ás súas casas.

9 de febreiro de 2016 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.