publicidade hoxe

O DOG publica a licitación do tanque de tormentas de Santa Cruz, cun orzamento de 4 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+
Beatriz Mato na presentación do proxecto. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na presentación do proxecto. Foto: M. Fuentes

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación do tanque de tormentas de Santa Cruz, en Oleiros, por un importe próximo aos 4 millóns de euros. Unha vez que o proxecto sexa adxudicado, o seu prazo previsto de execución será de 18 meses.

Así o precisou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que se achegou ata Oleiros para presentar en rolda de prensa esta actuación que, segundo considerou, “será beneficiosa non só para os veciños e veciñas deste municipio, senón para todos os concellos que baña esta ría, e para os galegos e galegas en xeral”.

A obra, que contará cun 80% de cofinanciamento de fondos FEDER, contempla a execución das conducións, estruturas e instalacións necesarias para a construción do tanque; a mellora da rede de saneamento no entorno do parque Luis Seoane e conexión ao novo tanque; e a demolición do actual bombeo e reurbanización da zona.

Mato destacou que a ría do Burgo é unha “prioridade estratéxica” para a Xunta de Galicia, que ten investido 100 millóns de euros no seu saneamento durante os últimos 15 anos. Este esforzo xa ten incidido na mellora das súas augas, pero a conselleira precisou que o Goberno galego “non se conforma, nin moito menos, e quere seguir traballando”. De aí que se elaborara o Plan de saneamento local para O Burgo, no que se identificaron as actuacións prioritarias.

En concreto, este ano vanse empezar dúas obras moi relevantes para o seu saneamento: o tanque de tormentas, que se presentou hoxe; e o bombeo do Temple, en Cambre, cuxo proxecto está xa nunha fase avanzada de redacción e que se licitará tamén este mesmo ano. En total, ambas actuacións contarán cun orzamento global que superan os 6 millóns de euros.

A titular do departamento autonómico recordou tamén que o Goberno central ten asumido o reto da rexeneración da ría, cuxo proxecto e estudo de impacto ambiental xa están redactados e en fase de exposición pública.

Compromiso co saneamento

As actuacións encamiñadas a mellorar o estado da ría do Burgo inscríbense no compromiso da Xunta co saneamento das masas de auga da comunidade e, moi especialmente, das rías galegas. Nesta materia, lévase realizado un “inxente traballo de planificación, programación de investimentos e execución de obra”, subliñou Mato, quen puxo en valor que o actual Goberno ten investido máis de 1.000 millóns de euros neste tipo de actuacións desde 2009, dos que case 600 foron destinados á depuración das rías.

“Os resultados positivos deste esforzo pódense cuantificar. Así, no 2009, o 67% das augas das rías eran de boa calidade, mentres que na actualidade a cifra chega ao 76%”, explicou a conselleira.

Máis polo miúdo, os 1.000 millóns de euros destinados a saneamento nos últimos anos permitiron realizar un total de 350 actuacións que benefician a 163 concellos, o que significa “case 5 actuacións de saneamento ao mes”. Máis do 75% dese orzamento destinouse á construción de 35 novas depuradoras, que dan servizo a 1,2 millóns de persoas, “preto da metade de galegos e galegas”.

Pero para seguir avanzando, o Goberno autonómico aprobou recentemente o Plan Hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa, que conta cun orzamento de 655 millóns de euros ata 2021, dos que a Xunta achegará un total de 423.

En definitiva, rematou Mato, “a construción do tanque de tormentas de Santa Cruz constitúe unha nova mostra do compromiso da Consellería coa ría do Burgo e co saneamento das nosas augas” e asegurou que o Goberno galego seguirá traballando “cada día” por unhas rías galegas “da máxima calidade para o presente e o futuro”.

Comisión executiva do CEIDA

Previamente á presentación do tanque de tormentas, a conselleira participou na comisión executiva do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA). Durante a reunión, abordouse o balance de actividades de 2015, así como o plan de traballo para este novo ano.

O CEIDA é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta, o concello de Oleiros e a Universidade da Coruña, e ten como obxectivo coordinar, dinamizar e promover a educación ambiental en Galicia. Con esta finalidade, promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

29 de febreiro de 2016 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.