O DOG publica a licitación da redacción dos proxectos para construír 74 vivendas de promoción pública en Vigo
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou esta mañá en rolda de prensa do anuncio que sae publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) sobre a licitación da redacción dos proxectos para construír 74 vivendas de promoción pública (VPP) en Cambeses e no ámbito de Pereiró-Castrelos.
Concretamente, licítase a contratación da redacción dos proxectos básicos e de execución así coma a dirección de obra para construír 44 vivendas de promoción pública na rúa Ignacio Groba e outras 30 na rúa Chantada. O orzamento base de licitación de ambos proxectos supera os 350.000 euros e conta cun prazo de execución de 4 anos e 6 meses.
Como explicou o delegado, esta operación lévase a cabo tras a solicitude feita polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ao Concello de Vigo o pasado ano para a cesión de solo residencial co obxectivo de construír vivendas de promoción pública na cidade. Para este fin, o orzamento do IGVS para 2016 inclúe unha partida de 4 millóns de euros destinados á construción de vivendas de promoción pública en Vigo, A Coruña e Ourense.
Deste xeito, e ante as negociacións co goberno local, o IGVS avanzou nos seus trámites administrativos para levar adiante dita licitación e, toda vez que se comprobou que estes ámbitos non están afectados pola sentenza de anulación do PXOM do 2008 por parte do Tribunal Supremo, a Xunta de Galicia procede a súa publicación hoxe no DOG.
López-Chaves especificou que os trámites do IGVS poden facerse igualmente aínda que a cesión do solo non se fixo definitiva esperando que, pola súa banda, o Concello de Vigo remate os seus trámites e facer así efectiva a cesión do solo.
Neste senso, lembrou a política de vivenda social da Xunta de Galicia recordando as medidas tomadas polo Goberno galego para evitar os desafiuzamentos encamiñadas a persoas que se atopan en situacións de vulnerabilidade . Así mesmo, sinalou que a construción de vivendas de promoción pública son unha iniciativa máis que se suma á política da Xunta. De feito, recordou a carta que a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acaba de remitir ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para solicitarlle a colaboración do goberno local ante este tipo de situacións e que destine para uso social as 15 vivendas municipais que nestes momentos ten baleiras na rúa República Arxentina 12-14. Segundo dixo, ante a “urxente necesidade” de contar con vivendas baleiras para destinalas a familias en situacións de risco ou especial vulnerabilidade, considerou unha “oportunidade” que eses 15 pisos teñan como fin un alugueiro social.











