publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación do PXOM de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe (http://bit.ly/1oOwNZu) o orde pola que se aproba o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo, que vén a poñer fin unha etapa de incertidume urbanística e aporta a seguridade xurídica que o municipio precisa para o seu crecemento e desenvolvemento.

Grazas a este plan xeral ponse fin a unhas normas de planeamento do ano 1978, despois da anulación do Pxom de 2003 e continuarase coa recuperación da ribeira do río Anllóns ao seu paso polo concello, permitirá a recuperación do litoral e reforzará a posición estratéxica de Carballo, como eixo empresarial a través da ampliación do polígono industrial de Bértoa.

Dende a Xunta deféndese que os planeamentos urbanísticos de calidade, respectuosos e sostibles permiten obter o máximo aproveitamento dos recursos dun concello reducindo ao mínimo os impactos negativos. Ao mesmo tempo, ordenar o territorio significa adaptalo ás necesidades dos cidadáns que viven nel e protexer a súa riqueza e os seus valores.

Así, un urbanismo responsable é fundamental para calquera concello, posto que condiciona os recursos locais, o modelo de crecemento, a política de vivenda, a mobilidade e, en definitiva, a vida dos veciños e veciñas; e neste caso concreto, contribuirá a mellorar a calidade de vida dos máis de 31.000 veciños e veciñas de Carballo.

A aprobación deste documento de planeamento é unha mostra mais da colaboración da Xunta cos concellos, e que neste caso -o de Carballo- se materializou en sete reunións técnicas que se celebraron entre os responsables da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e o Concello, xunto co equipo redactor do Plan xeral.

Un novo marco máis sinxelo e áxil

Un dos retos do Goberno galego é acadar que todos os concellos de Galicia conten con planeamento, que ademais é un dos grandes retos ao que vai dar resposta a nova Lei do solo.

A lei aporta os instrumentos necesarios para garantir que os 314 concellos de Galicia teñan o seu plan urbanístico e no prazo máis breve posible, grazas a medidas como: a simplificación do proceso, creando o informe único autonómico que evita que os concellos teñan que solicitar todos os informes sectoriais por separado; e tamén axilizándoo, ao entender como positivo o silencio administrativo cando este alcanza os tres meses.

Outra das medidas é a creación de novas figuras como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que son os que maiores dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un planeamento. Estes concellos terán a liberdade de elixir se fan eles o PXOM ou se o fai a Xunta a través do Plan Básico Municipal.

Por último, para dotar aos concellos de planeamento se investirán en 2016 máis de 3,1 millóns de euros en axudas, o que se traduce nun incremento dun 22,6% respecto do ano pasado e dun 82%, se o comparamos co ano 2014.

Ademais, o Consello da Xunta vén de dar un paso máis en materia de urbanismo ao aprobar na súa reunión de onte o anteproxecto de Decreto do regulamento da Lei do solo, aprobada recentemente, co fin de axilizar o máximo posible a entrada en vigor de todos os instrumentos de ordenación do territorio.

Así, coa aprobación inicial poderase iniciar o trámite de información pública por un período dun mes, tras a publicación deste texto na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

26 de febreiro de 2016 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.