O DOG fai pública a licitación do contrato de servizo para a elaboración do estudo de alternativas para a mellora da estación intermodal de Pontevedra
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación do contrato de servizo para a elaboración do estudo de alternativas de mellora da intermodalidade entre o transporte de viaxeiros en ferrocarril e en autobús interurbano e metropolitano na cidade de Pontevedra. O presuposto base de licitación ascende a 23.132,73 € e o prazo de execución do contrato é de 2 meses. Os licitadores terán ata o día 20 de febreiro para presentar as súas ofertas http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160205/AnuncioG0423-020216-0007_gl.html.
Un dos principais obxectivos da Xunta en relación con transporte e a mobilidade é o fomento da mobilidade sostible mediante a adopción e a execución de medidas dirixidas a incrementar o emprego do transporte público colectivo, por exemplo garantindo a intermodalidade e a conexión entre diferentes modos de transporte.
Na cidade de Pontevedra a estación de ferrocarril e a estación de autobuses atópanse moi próximas con itinerarios peonís e rodados que non superan os 200 metros, sen embargo coa finalidade de promover a intermodalidade e facilitar a realización de transbordos entre os dous modos, ferrocarril e autobús, da maneira máis fácil, cómoda e rápida para o usuario, é necesaria a realización dunha serie de actuacións tanto de mellora da conexión peonil entre ambas estacións, como de delimitación clara dos espazos para peóns e dos espazos reservados ao tráfico rodado.
Melloras a levar a cabo
O obxecto do contrato que hoxe se licita é analizar diferentes alternativas de actuación para mellorar a intermodalidade entre o transporte de viaxeiros en ferrocarril e en autobús interurbano e metropolitano na cidade de Pontevedra. O ámbito de actuación será o conformado polo entorno e arredores da estación de ferrocarril e da estación de autobuses.
As diferentes alternativas de actuación propostas deberán dar resposta, entre outras, ás seguintes necesidades:
– Mellora das conexións peonís en viaxes intermodais entre a estación de ferrocarril e a estación de autobuses.
– Melloras para a integración da terminal de autobuses coa terminal ferroviaria:
Reordenación do espazo actualmente dedicado a aparcadoiro de turismos na estación de autobuses, delimitando os espazos reservados para cada tipo de tráfico peonil e rodado e establecendo un espazo para taxis e kiss and ride.
Remodelación da fachada da estación de autobuses para mellorar a súa identidade como centro de transporte.











