O director de Citroën en Vigo augura un grave problema se non hai solución á ampliación da planta este ano
O director da factoría de PSA Peugeot Citroën de Balaídos, Yann Martin, advertiu de que se producirá “un problema moi grave para o futuro de Vigo” se non se atopa unha “solución” neste ano 2016 para garantir a ampliación da planta.
Así o manifestou, en declaracións aos medios, durante unhas xornadas sobre o III Plan Estratéxico para o sector da automoción, e sinalou que a dirección da fábrica viguesa está a “traballar coa Xunta e co alcalde” para buscar unha alternativa á anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM). “Estamos a traballar para conseguir un futuro para a planta, e temos a responsabilidade de moitos empregos”, recordou.
“Podemos ter un problema grave para o futuro de Vigo se non temos esa solución”, alertou, e recoñeceu que esa solución debe chegar “no primeiro ou segundo semestre deste ano”.
Unha vez que se despexen as dúbidas sobre a ampliación do polígono de Balaídos, a fábrica viguesa poderá propoñer ao grupo PSA Peugeot Citroën “solucións de industrialización”, que agora non pode formular, mentres non se garanta que o desenvolvemento urbanístico sairá adiante.
Por outra banda, Yann Martin referiuse, a preguntas dos medios, ás previsións de produción para o ano 2016, e recordou que as proxeccións sobre o volume de vehículos fabricados só se poden facer “para un ou dous meses”, debido ás flutuacións do mercado.
En calquera caso, indicou que o mes de xaneiro estivo “cargado” e se traballou todos os fins de semanas, unha dinámica que se repetirá en febreiro. A día de hoxe, a galla que manexa a dirección sobre o número de coches que se fabricarán neste ano oscila entre 385.000 e 427.000 unidades.











