O Defensor do Paciente pide á Fiscalía que investigue o trato a mulleres con abortos na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A presidenta da Asociación do Defensor do Paciente, Carmen Flores, remitiu un escrito ao fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, no que lle solicita “a súa intervención e unha investigación de oficio” sobre “o trato” ás mulleres sometidas a abortos euxenésicos –por malformacións– no Hospital Materno de A Coruña.

En concreto, alude ás denuncias feitas públicas sobre a situación das mulleres que teñen que someterse a estes abortos, por malformacións no feto e que se producen despois da semana 14 de xestación.

Dende a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto denunciouse o incumprimento “dos protocolos internacionais” neste ámbito e que as mulleres non teñen garantías de contar cun especialista, algo que se negou dende o Sergas.

A Asociación do Defensor do Paciente incide en que, de acordo con esta denuncia pública, “ás mulleres que teñen que abortar no segundo trimestre do embarazo non se lles garante que estean atendidas por persoal médico, nin recibir a epidural”, ao tempo que recolle “que para contar con estes servizos a única alternativa que se lles ofrece é desprazarse a Madrid”.

Ademais, cualifica de “vergonzosa e ruín” esta circunstancia e argumentan que, detrás desta situación, “hai presunta mala fe, denegación de asistencia e dano psicolóxico ás mulleres con coñecemento de que este se está a producir”.

Dende a Asociación argumentan que abortar “é algo traumático” e, de confirmarse esta situación, piden que se depuren “responsabilidades”. Tamén se pregunta se este tipo de actuación non é outra forma de “maltrato” ás mulleres e, por iso, pídenlle ao fiscal superior de Galicia que admita a súa petición.

18 de febreiro de 2016 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.