O conselleiro de Sanidade inaugurou as Xornadas sobre os Servizos Xurídicos de Saúde
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, inaugurou hoxe as Xornadas sobre os Servizos Xurídicos de Saúde, onde subliñou a importancia de tratar de acadar o equilibrio entre os controis e garantías que calquera administración pública debe esixirse a si mesma e que esta funcione coa flexibilidade necesaria. Deste xeito, dixo, poderase xestionar dunha forma áxil e eficiente a sanidade a pesar das ríxidas normativas existentes.
Ademais, destacou que as cuestións xurídicas relacionadas coa sanidade incrementáronse progresivamente e, por este motivo, subliñou a necesidade de adaptar o sistema sanitario á realidade actual.
“Os problemas que rodean á saúde deixaron de pertencernos exclusivamente aos profesionais sanitarios para constituír unha verdadeira preocupación social á que o Dereito non permanece alleo”, destacou Almuíña. A isto engadiu que os continuos avances na tecnoloxía e nas ciencias biomédicas están a xerar na sociedade unha discusión sobre múltiples aspectos que obrigan ao Dereito a responder ou a actualizarse con igual rapidez.
Tamén quixo resaltar o aspecto positivo e fundamental que aporta a lexislación neste campo, “consagrar o recoñecemento do dereito á saúde, como se recolle no ordenamento xurídico e nos instrumentos internacionais”.
Estas xornadas, que se celebran hoxe e mañá na sede da Consellería de Sanidade, lévanse facendo de forma anual dende o ano 2002. Nelas participan asesores xurídicos de diferentes comunidades autónomas como Asturias, Valencia e Castela e León, entre outras, co fin de pór en común as diferentes situacións que se dan en cada unha delas.
Nelas abordaranse temas de actualidade e de gran relevancia tanto dende o punto de vista xurídico e normativo como polas súas repercusións no labor asistencial, como a transmisión de información clínica de pacientes a outras administracións públicas; a conservación de sangue de cordón umbilical en bancos privados; a dispensación de medicamentos; ou a tarxeta sanitaria en casos de custodia compartida. Ademais trataranse asuntos como o desenvolvemento profesional e o seu tratamento nos diferentes servizos de saúde e os plans de ordenación de Recursos Humanos, entre outros.
No acto tamén estiveron presentes a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Josefina Monteagudo; o director xeral da Asesoría Xurídica Xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Manuel Pillado; o director xeral de Función Pública da Consellería de Facenda, José Mª Barreiro; e os asesores xurídicos da Consellería e do Sergas, Rafael Millán e Fernando Jorge Mora, respectivamente.











