O conselleiro de Sanidade asegura que o CHUS responde aos picos en Urxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, rexeitou este martes que as Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) estean colapsadas e, aínda que admitiu que os casos derivados da gripe e outras patoloxías aumentaron neste servizo de forma “importante”, garantiu que o centro “responde perfectamente a estes picos” grazas á súa alta “flexibilidade”.

Durante a súa participación nunha rolda de prensa no CHUS, e preguntado acerca das denuncias de varios sindicatos sobre “colapsos” nas Urxencias deste hospital, Vázquez Almuíña reiterou que se trata dun “dos mellores hospitais de España” e que “en tempadas como a actual adáptase a situacións de asistencia importante” derivada do aumento de casos de gripe e doutras patoloxías estacionais.

“O que ten que ter este hospital, e así faino, é capacidade de adaptación”, dixo o conselleiro, que recordou que asistencia urxente “non é planificada” senón que rexistra “enormes variacións ao longo dos días e dos meses do ano”.

Este luns, indicou, as Urxencias do CHUS atenderon “en torno ás 500 persoas”, das que un “10 por cento foron ingresadas”, polo que descartou que o servizo estea colapsado. “Hai picos -aos- que este hospital responde perfectamente cunha flexibilidade alta”, concluíu.

23 de febreiro de 2016 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.