O conselleiro de Política Social visita a vivenda tutelada para menores en risco de exclusión social en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Rey Varela na visita á vivenda tutelada en Pontevedra

Rey Varela na visita á vivenda tutelada en Pontevedra

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe unha das vivendas tuteladas para mozos e mozas en risco de exclusión social coas que a Xunta de Galicia colabora a través do Programa Mentor. Rey Varela percorreu os preto de 300 metros cadrados da instalación acompañado pola Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez. O Programa está xestionado polo Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (Igaxes 3) a través dun contrato de xestión de servizos públicos promovido pola Consellería de Política Social no exercicio das súas competencias en materia de protección de menores e conta con financiación do Fondo Social Europeo.

Este servizo residencial está dirixido a aqueles rapaces e rapazas de entre 16 e 21 anos, que estean ou estivesen baixo tutela ou garda da administración pública, suxeitos a medidas xudiciais ou que sexan usuarios doutros programas dependentes de órgano xestor. En determinados casos, coma nos que os usuarios estean a realizar estudos universitarios, poden continuar no programa ata os 25 anos. O obxectivo do programa, que ademais da vivenda tutelada de Pontevedra pon a disposición dos usuarios outras cinco vivendas ademais doutras dúas de transición á vida autónoma para maiores de idade, é preparar aos mozos e mozas en risco de exclusión social para a vida independente.

A vivenda tutelada de Pontevedra ofrece un total de oito prazas e conta con 19 dependencias entre as que destacan catro baños, un aseo, unha cociña-comedor, dúas salas de estar, unha sala de estudo e cinco dormitorios para que os usuarios poidan ter o seu espazo e ao mesmo tempo estancias nas que interactuar co resto de mozos e mozas que habitan a vivenda, que “está moi ben equipada e é un recurso exemplar no concello de Pontevedra”, declarou o conselleiro. Como parte do proceso de adaptación á vida independente, na vivenda tutelada realízase unha intensa intervención educativa, formativa e de desenvolvemento, que dota aos usuarios de habilidades persoais e sociais necesarias para lograr a emancipación. Ademais, proporciona aos participantes a capacitación para o acceso aos servizos de colocación, de formación e de busca de emprego.

Na actualidade xa están cubertas catro das oito prazas que oferta a vivenda pontevedresa e durante a visita o conselleiro escoitou as impresións dos rapaces que xa pernoctan nela e subliñou que “dende a Xuta traballamos por un futuro inclusivo e é importante mimar o último paso, a saída do sistema de protección intentando garantir un non retorno á situación de risco de exclusión social. O Programa Mentor amosa o compromiso de Galicia coas persoas novas que están en procesos de tutela e precisan unha especial atención”.

Programa Mentor

O Programa Mentor, considerado boa práctica a nivel europeo, naceu na comunidade autónoma galega no ano 1998 como un programa unicamente de inserción laboral para menores tutelados. Progresivamente foron incrementándose os beneficiarios e obxectivos, sendo agora unha actuación máis integral na que se traballa a capacitación para a vida independente do menor, tanto laboral, como social. No ano 2015, un total de 513 mozos e mozas se beneficiaron do programa, dos que 72 foron usuarios de recursos residenciais.

A Xunta de Galicia destina máis de seis millóns de euros para inserción sociolaboral de mozos e mozas en risco de exclusión a través do Programa Mentor, cun contrato inicial que se prolonga ata o ano 2019. En concreto, no que se refire ao ano 2016, o orzamento do programa será de 1.616.422,14 euros, o que supón un incremento de máis de 30.000 euros con respecto ao do ano 2015.

Na actualidade, no tocante a recursos, ademais dos equipamentos de inserción sociolaboral, o programa conta co traballo de 31 profesionais e 55 persoas voluntarias que colaboran na acción.

Instituto Galego de Xestión para o 3º Sector

Igaxes 3 é unha entidade sen ánimo de lucro, presidida por Luis Barreiro, que promove a cidadanía activa e apoia a inclusión das persoas en situación ou risco de exclusión social dende un enfoque baseado no empoderamento, a participación e a aprendizaxe. En Galicia xestionan un total de nove centros para menores e levan a cabo proxectos no eido da inmigración, da inclusión social, da cooperación ao desenvolvemento e da infancia e xuventude, no que se enmarca o Programa Mentor.

3 de febreiro de 2016 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.