O conselleiro de Política Social visita a sede da Unidade de Parapléxicos da Coruña

Rey Varela na visita á Unidade de Parapléxicos da Coruña. Foto: M. Fuentes
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, desprazouse hoxe ata a sede da Unidade de Parapléxicos na Coruña para manter unha xuntanza de traballo co equipo directivo desta entidade co obxectivo de coñecer de primeira man as súas instalacións e actividades e, ao mesmo tempo, explicar as liñas estratéxicas en materia social da Xunta de Galicia para este ano 2016. No encontro, tamén estivo presente a directora xeral de Maiores e Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez. Deste xeito, Rey Varela continúa coa rolda de encontros coas entidades, organizacións e axentes coa finalidade de intensificar aínda máis as vías de diálogo e de colaboración en políticas sociais.
Na visita, o conselleiro avanzou as novidades neste ano no eido da discapacidade, que pasan pola posta en marcha dun plan de axudas en colaboración cos concellos para a eliminación de barreiras arquitectónicas. “A supresión de barreiras sempre se aborda dende o punto de vista da discapacidade, pero axuda moito no concepto da cidade e pode xerar no conxunto de Galicia unha nova mentalidade de cidades e pobos máis accesibles”, declarou Rey Varela. Este plan complementarase co desenvolvemento do decreto de accesibilidade no que se detalle de xeito específico os requisitos que deben cumprir os espazos públicos para poder ser empregados por todos os galegos e galegas.
Unidade Parapléxicos Coruña
As accións desta unidade, presidida por José María Méndez López e pertencente á Coordinadora de Asociacións de Minusválidos de Galicia, buscan a defensa dos intereses das persoas con discapacidade físicas, así como contribuír á súa formación ocupacional, cultural e laboral. A recuperación e rehabilitación da persoa con discapacidade física, calquera que sexa o tipo e grao, son tamén piares fundamentais para a Unidade de Parapléxicos da Coruña.
Máis recursos para apoiar ás persoas con discapacidade
O colectivo de persoas con discapacidade “gaña en presenza e en recursos económicos” na nova carteira autonómica de Política Social. De feito, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou o seu peso nos Orzamentos da Xunta para a presente anualidade ata chegar aos 281,3 millóns de euros, cantidade que supón practicamente un terzo do global dos presupostos destinados ás políticas sociais.
Esta maior marxe nas contas públicas permite á Consellería traballar xa na preparación de novas iniciativas con financiamento europeo. Estas son: unha liña de axudas para a eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación dun banco de produtos de apoio e axudas individuais destinadas á adquisición de servizos da autonomía persoal, a modernización de centros públicos con novos equipamentos tecnolóxicos que sirvan de apoio para a atención dos usuarios e melloren as condicións de traballo dos profesionais (cun investimento de 2,9 millóns de euros); e novos programas de formación e asesoramento para coidadores/as de persoas con discapacidade. Así mesmo este ano a Consellería reforza nun 20% o apoio económico ás federacións integrantes no CERMI acadando esta partida os 3,6 millóns de euros.











