O conselleiro de Política Social reúnese con responsables de ASFEDRO

Rey Varela na reunión con Asfedro
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse esta mañá con responsables da Asociación Ferrolana de Drogodependencia, ASFEDRO. O motivo deste encontro foi coñecer de primeira man os servizos e programas que desenvolve esta entidade, así como estudar a posibilidade de abrir novas liñas de colaboración. Nesta liña, Rey Varela subliñaba a labor desenvolvida desde a asociación na asistencia integral a drogodependentes.
A entidade, fundada hai máis de tres décadas, traballa na prevención e tratamento das drogodependencias a través de dúas unidades: unha asistencial na que se fai a valoración social, médica e psicolóxica e unha unidade terapéutica. A presidenta de ASFEDRO, Olga Basterrechea, trasladou ao conselleiro as principais liñas de actuación desenvoltas pola entidade nos últimos tempos, así como a previsión de actividades para os próximos meses e as necesidades da asociación.











