O Concello de Vilagarcía acometerá a reparación da cuberta da praza da Peixería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Praza da Peixería será obxecto dunha necesaria actuación de mellora: a reparación da cuberta. O Concello decidiu reutilizar parte dunha subvención da Deputación Provincial para financiar unha obra bastante necesaria dadas as deficiencias detectadas no tellado dun edificio público moi utilizado para a celebración de actos lúdicos e culturais, especialmente cando estes non se poden celebrar ao aire libre.

O Concello tramitará de inmediato ante o organismo provincial o cambio de finalidade da subvención para acometer a mellora da cuberta da Peixería. Unha vez realizado este trámite, redactarase o preceptivo proxecto e remitirase a Patrimonio, que debe dar a súa conformidade á actuación por tratarse dun edificio catalogado. Superado este paso, sacarase a obra a concurso. Os traballos deben estar executados antes de que remate o ano en curso.

O goberno de Alberto Varela dispón dende hai tempo do beneplácito do organismo provincial para cambiar a finalidade da subvención de 240.000 concedida en 2015 e que o anterior goberno local pretendía destinar á instalación de xogos infantís no parque do Castriño. Dada a imposibilidade legal de realizar esta actuación, informada desfavorablemente por Patrimonio por afectar a un xacemento arqueolóxico que ademais conta coa correspondente protección do propio Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal, executivo socialista optou por investir a axuda en revalorizar o propio parque do Castriño de xeito respectuoso e a destinar o resto dos cartos á reparación da cuberta da Praza da Peixería, un edificio moi representativo do patrimonio arquitectónico e histórico local moi utilizado pola cidadanía.

A outra parte da subvención será para acondicionar o estanque do Castriño, mellorar os accesos, colocar novas escaleiras, varandas e pasarelas para facilitar a comunicación entre os distintos niveis desta gran zona verde e arqueolóxica de Vilagarcía.

8 de febreiro de 2016 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.