O Concello de Pontevedra recibe o proxecto reformado da A-57 entre Pilarteiros e Barro
O Concello de Pontevedra recibiu a pasada semana o estudo informativo da prolongación da autovía A-57 entre o tramo Pilarteiros (Santo André de Xeve) e Barro, conexión coa AP-9 en Curro e coa vía rápida Sanxenxo-O Grove. Terá un prazo de 30 días para informar este novo proxecto deste tramo da autovía, pero nunha primeira impresión os técnicos municipais apuntaron que se recolleu a única suxestión que o Concello presentara a este proxecto, vinculado ao entronque da autovía co nó de Curro. Aínda que non era unha competencia propia do Concello, os técnicos municipais entendían que aquela proposta de Fomento invadía un núcleo rural ao aproveitar parte das rúas existentes e supoñía o derrube de vivendas, e unha grande afectación do terreo.











