O Concello de Pontevedra defende o traballo dos Bombeiros e di que actuaron onde había máis risco
A concelleira responsable de Seguridade Cidadá do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, defendeu este martes a “eficaz” actuación dos Bombeiros durante a extinción do lume que o luns calcinou un edificio da praza da Ferrería, ao tempo que garantiu que actuaron de forma inicial no punto no que había máis “risco”.
Multitude de curiosos achegáronse durante este martes ata a praza de A Ferrería para ver os restos aos que quedou reducido o emblemático comercio do centro histórico, devastado onte á noite polas lapas. A voracidade do lume fixo temer os responsables municipais que se repetise na cidade do Lérez en incendio que na madrugada do 25 de agosto de 1988 sufriu o corazón comercial de Lisboa.
Para evitalo, Carme da Silva agradeceu o traballo “profesional, rápido e eficaz” desenvolvido polos Bombeiros e explicou que o primeiro aviso do incendio se recibiu ás 20.38 horas do luns.
Foi un cidadán que paseaba pola rúa Michelena quen observou a presenza de fume no número 12, cuxo baixo está ocupado pola zapataría Couplé. Non obstante, rapidamente as lapas estendéronse polo edificio, afectando tamén ao número 6 da praza da Ferrería, na outra vertente.
“En cuestión de minutos os Bombeiros estaban en Michelena”, destacou Da Silva, quen sinalou que se mobilizou ademais á Policía Local e Nacional, a Protección Civil e ao 061 que, nun “esforzo coordinado”, procederon ao “rápido desaloxo” das vivendas adxacentes. Un total de 9 veciños foron desaloxados, dous deles con problemas de mobilidade, que foron atendidos polos servizos médicos. Así mesmo, realoxarse 12 veciños en hoteis da cidade.
POLA RÚA MICHELENA
Os bombeiros optaron por facer fronte ao incendio pola rúa Michelena porque, segundo o xefe do servizo, Manuel Torres, valoraron que “o risco estaba alí”, onde viron que a posibilidade de que o lume se estendese ao resto de edificios da mazá era “importante”.
O xefe do servizo dixo que a intervención non foi doada porque na zona interna do inmoble o incendio “xa estaba xeneralizado” e os bombeiros tiveron que combatelo “dende arriba”.
Segundo informaron os bombeiros a concelleira, ás 22.50 horas o incendio quedou “controlado, garantindo que o lume non se propagase”. Non obstante, os efectivos traballaron ata as 3.30 horas mollando a estrutura e ás 4.30 remataron os labores de limpeza e retirouse o cordón de seguridade.
Carme da Silva indicou que “máis alá do inmoble sinistrado non hai outras vivendas afectadas”, salvo por fume e algunhas gretas. Esta mañá os bombeiros advertiron da alta concentración de monóxido de carbono nas vivendas, comercios adxacentes e locais, entre os que se atopa a sede de Ciudadanos.
CAUSAS AÍNDA POR ESCLARECER
A Policía Científica traballa agora para tratar de esclarecer as causas do incendio, sen que polo momento transcendera ningunha hipótese.
Durante este martes, os efectivos solo puideron tomar declaración a algunhas testemuñas presenciais durante os primeiros momentos do lume. A inspección ocular do inmoble acometerase o mércores, debido ás altas temperaturas que aínda se rexistran no edificio.
A concelleira de Seguridade Ciudadana lamentou este suceso, argumentando que “é duro para os propietarios do inmoble, pero tamén éa para o resto da cidade” e engadiu que “cando arde unha parte do centro histórico, arde unha parte de Pontevedra”.
CRÍTICAS AOS BOMBEIROS
Carme da Silva defendeu aos bombeiros fronte ás críticas e apupos recibidos cando chegaron á praza da Ferrería, xa que, indicou, a xente “non vía que estaban a traballar en Michelena”, onde se decidiu iniciar o operativo por criterios profesionais.
“Podo entender esas manifestacións por parte dos propietarios”, dixo Da Silva facendo referencia ás “perdas materiais” e o valor “sentimental”, aínda que dixo “non entender” as críticas do resto de persoas, especialmente no caso de cargos públicos.
FELICITACIÓNS DO PP
O voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, quixo solidarizarse cos veciños e comerciantes afectados polo incendio da Ferrería e felicitou aos corpos e forzas de seguridade que participaron no dispositivo.
O voceiro do PP celebrou que non houbera vítimas persoais, que os danos se limitaran a este único inmoble e que os bombeiros lograsen que o lume non se estendese aos edificios lindantes.
Non obstante, Moreira reclamou ao alcalde de Pontevedra a convocatoria “urxente” dunha Xunta de Voceiros para que o goberno municipal ofreza “explicacións” sobre o operativo de seguridade despregado.











