O Concello de Ourense denuncia o roubo de 300 metros de cableado da iluminación pública no Paseo do Barbaña
O Concello de Ourense presentou denuncia esta mañá na Oficina Conxunta da Policía Local polo roubo de 300 metros de liña da rede de iluminación pública que dá servizo ao paseo peonil do río Barbaña, detrás do concesionario Peugeot, na marxe dereita do río, en sentido saída de cidade cara a Seixalbo.
Os feitos producíronse o día 28 de xaneiro. Advertidos polos veciños da zona, que apreciaron a falta de iluminación, operarios do Servizo Eléctrico do Concello de Ourense achegáronse a zona, onde constataron descoñecidos roubaran 300 metros de cableado, ocasionando tamén danos á infraestrutura ao abrir pola forza as farolas e arquetas e cortar o cable.
O material máis os danos causados ascenden a 4.000 euros
O Concello de Ourense procedeu a presentar a correspondente denuncia coa finalidade de que se poidan identificar aos responsables destes feitos que, por unha banda, privan de dispoñer de iluminación pública aos veciños e aos numerosos usuarios que a diario camiñan por este paseo peonil e, por outra, ocasionan cuantiosos danos ás infraestruturas municipais e custes tan elevados de reparación e reposición ao propio Concello.
Esta é a cuarta ocasión en que se produce un roubo de cableado no prazo dun ano no Paseo do río Barbaña. O 16 de marzo de 2015, descoñecidos roubaron 1.472 metros cadrados de cableado, nas proximidades de onde se produciu o último roubo –debaixo do Supermercado Día); o 14 de maio de 2015, roubaron 1.000 metros, no tramo comprendido entre o barrio do Polvorín e o Pazo dos Deportes Paco Paz, e outros 1.000 metros o día 10 de novembro de 2015, no tramo situado entre o Paco Paz e a rúa Ermida.











