O Concello de Ourense amplía en 5.700 as horas mensuais de atención a dependentes no servizo de Axuda no Fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense vén de aprobar, en xunta de goberno celebrada esta mañá, a contratación do Servizo de Axuda no Fogar cunha previsión total de 21.095 horas ao mes de atención ás persoas en risco de exclusión e vulnerabilidade social da cidade, 5.723 horas máis ao mes que o ano anterior. O gasto estimado para este servizo é de 3.575.154 euros anuais, case un millón máis do que o pasado ano (2.655.266), partida na que se inclúen os novos 60 postos de traballo creados para darlle cobertura, facendo un total de 167 auxiliares desenvolvendo esta labor. As cláusulas establecían que se podía prorrogar un ano máis o contrato de axuda no fogar, “pero técnicas da Concellería de Asuntos Sociais detectaron incumprimentos na asistencia básica e estimaron unha nova contratación”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Porén, a de Axuda no Fogar foi só unha das accións en materia social aprobadas esta mañá en xunta de goberno local. Neste eido aprobouse tamén o proxecto da ordenanza reguladora do réxime de funcionamento e cesión de vivendas de emerxencia social do Concello de Ourense, tres inmobles adscritos á Concellería de Asuntos Sociais destinados ao realoxamento temporal de persoas en caso de emerxencia social, “caso dun incendio, catástrofe que implique ruína, desafiuzamentos, relacións familiares insostibles… sempre que non poidan aloxarse noutra vivenda”, informou o rexedor. O aloxamento será de 3 meses prorrogables a 3 máis en función dos ditames técnicos.

Igualmente, informouse da solicitude de subvención á Consellería de Políticas Sociais da Xunta de Galicia para a contratación temporal de persoas en risco de exclusión social perceptoras de axudas Risga. En concreto, serán 30 as persoas que se soliciten cos seguintes perfís: conserxes (5), auxiliares administrativos (7) e operarios (18). Os fondos europeos sufragan a contratación ao 80%, e a Xunta de Galicia ao 20%. Xunto a esta subvención, completa a batería de medidas aprobadas a luz verde ao convenio coa Fundación laCaixa para o o programa de axuda económica para alimentación básica mediante o sistema de tarxeta moedeiro: 400 euros para 100 familias.

Finalmente, deuse conta da cesión ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar dunha parcela emprazada en Mariñamansa para continuar cos trámites para a construción dun Centro Interxeracional por parte da Fundación Amancio Ortega.

Do mesmo xeito, o alcalde animou, fóra da orde do día, a levar a cabo políticas sociais sostibles a través da contratación pública: “A contratación pública non pode ser considerada como un fin en si mesmo senón como una potestade ou ferramenta xurídica ao servizo dos poderes públicos para o cumprimento efectivo dos seus fins ou as súas políticas públicas”, dixo Jesús Vázquez, “e os poderes públicos realizan una importante política de intervención na vida económica, social e política”. A este respecto, o Pleno do Concello de Ourense xa aprobara vai tres anos unha moción neste senso que nunca chegou a terse en conta.

Servizo de préstamo de bicicletas

No aspecto executivo, a xunta de goberno acordou adxudicar o servizo de préstamo de bicicletas do Concello de Ourense a San Mamede Bike S.L. por un importe de 50.067 € (41.377,69 € máis 8.689,31 € en concepto de IVE), logo de presentar a oferta economicamente máis vantaxosa.

O Concello tamén deu un novo paso adiante no expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de casa de acollida de mulleres vítimas de violencia de xénero. A oferta económica presentada por Fundación de Solidaridad Amaranta recibíu a puntuación máxima (100 puntos), xa que cumple co requerido no prego de condicións. No apartado de contratación, declarouse deserto o procedemento aberto para a contratación do arrendamento dun inmoble para a cesión do seu uso á AVV Montealegre.

Fomento do asociacionismo

A xunta de goberno aprobou as bases reguladoras da concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o fomento de actividades e proxectos xuvenís a prol do asociacionismo. “O obxectivo é apoiar actividades en materia de xuventude dirixidas a mozos e mozas de entre 15 e 35 anos: fomento da participación, dinamización e animación xuvenil, actividades socioculturais, sicosociais, formativas ou de prevención de condutas de risco, tempo de lecer, actividades relacionadas coa diversidade intercultural, ou de fomento do emprendemento e da mobilidade xuvenil”, explicou Vázquez Abad.

Cultura

Na área de Cultura aprobáronse tres importantes expedientes para consolidar e fortalecer a actividade cultural na cidade. Por unha banda, o convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC para a realización da programación das actuacións culturais incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios para o primeiro semestre de 2016 no Auditorio de Ourense. A achega do Concello será de 24.815,46 euros e a da Agadic será de 17.918,64. A axencia oferta un catálogo de compañías no que están todas as de Galicia e unha escolla das de fóra. Así, pasarán por Ourense Ibuprofeno Teatro, Teatro do Morcego, Caramuxo, Avento ou Babaluva, entre outras.

Aprobouse tamén o Convenio de colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Ourense para a realización do II Concurso de Clarinete Cidade de Ourense, unha actividade cultural, de acceso público e gratuíto, que se desenvolverá no auditorio do Conservatorio os días 12 e 13 de marzo, dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos.

Igualmente, daráselle continuidade a un dos certames literarios máis importantes que promove este Concello, o Premio de Poesía Cidade de Ourense, logo da aprobación das bases e da convocatoria do certame, nesta a súa trixésimo segunda edición, así como os 6.000 € destinados ao premio. O prazo de presentación rematará o día 22 de abril.

Xurídico

A Xunta de goberno local tivo coñecemento de 10 asuntos de índole xurídica -personamentos e sentenzas-, entre eles dous relativos ao TSXG: un fallo que desestima un recurso de apelación contra a sentencia ditada polo Contencioso-Administrativo 2 de Ourense, e que reseña que o edificio sito en Arturo Pérez Serantes ten todos os usos legalizados e non hai que derribalo, e outro fallo que desestima un recurso dunha aseguradora contra a caída do PXOM no que se lle exime ao Concello de Ourense de pagar a indemnización.

Servizo de licenzas urbanísticas, de actividade, apertura e disciplina

A xunta de goberno desestimou o recurso dun particular ao que se lle denegara licenza para realizar obras nun inmoble da rúa Francisco Lloréns, todo de conformidade co informe xurídico que obra no expediente. Concedeuse a licenza de obra solicitada por un particular para un local dedicado a actividade de cafetería, na avenida de Bos Aires 183 baixo e, igualmente, a unha empresa do sector dos Seguros para realizar obras de adaptación de local para actividade de oficina, na rúa do Progreso 151.

Patrimonio

Finalmente, no ámbito de Patrimonio, acordouse non admitir a reclamación de responsabilidade patrimonial presentada por unha empresa de seguros polos danos ocasionados nun vehículo afectado por un accidente de tráfico na estrada OR P 000, xa que non é o Concello de Ourense a administración competente para resolvela. Co mesmo resultado acabaron a reclamación dunha particular, polos danos ocasionados no seu vehículo como consecuencia dun accidente de tráfico na estrada OU-0521 Palmés-A Burata, por non ser o Concello de Ourense a Administración competente para resolvela, e unha petición formulada por unha empresa por liquidacións do imposto de bens inmobles.

Tramitarase, no sentido inverso, o correspondente procedemento de responsabilidade patrimonial a instancia de dúas empresas que alegan danos presuntamente sufridos como consecuencia dunha inadecuada tramitación do expediente de contratación da obra e explotación da cafetería-restaurante de titularidade municipal sita en As Pozas de Maimón, por non ter comprobado a solvencia do adxudicatario. 

4 de febreiro de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.