publicidade hoxe

O Concello de Lalín convoca unha reunión con asociacións e con municipios polos que transcorre o Camiño de Inverno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, vén de anunciar a convocatoria dunha reunión con asociacións dedicadas á promoción do Camiño de Inverno, así como con representantes dos municipios polos que discorre esta ruta xacobea. O encontro terá lugar no Pazo de Liñares o sábado, día 27 de febreiro pola mañá, a  unha hora que aínda está por concordar. A xuntanza ten como obxectivo seguir avanzando na potenciación do Camiño de Inverno de modo coordinado entre todos os suxeitos implicados no impulso desta vía.

O Goberno de Lalín leva tempo traballando en medidas que lle dean un pulo a esta ruta alternativa do camiño que atravesa Lalín e que conta cun enorme valor ambiental, patrimonial e histórico, converténdose así nun potencial polo de atracción de visitantes. Agora, encabezando iniciativas como a desta xuntanza, reafírmase o compromiso do grupo de Goberno en aras de alcanzar este obxectivo. Vilariño recordou que o Concello de Lalín “contará sempre coa colaboración doutros municipios, colectivos e persoas que traballen e se involucren na valorización do Camiño de Inverno, posto que se trata dunha meta común a todos”.  “Traballar conxuntamente e sumar esforzos é moi importante”, remarcou, “xa que o aproveitamento que lle queremos dar á ruta e o beneficio que os nosos concellos poden obter co seu impulso nos atinxe a todos”.

O encontro do próximo día 27 diríxese, nesta ocasión, especificamente a municipios e colectivos organizados en prol da recuperación da vía xacobea. Non obstante, enfocadas á cidadanía estanse a organizar outras xuntanzas coas que se lle quere dar protagonismo a toda a veciñanza na busca de iniciativas. Un destes encontros abertos a veciñas e veciños do municipio terá lugar en datas previas á celebración dunha andaina polos tramos lalinenses do Camiño de Inverno, que se celebrará o día 21 deste mes. 

Dende a concellería de Turismo iniciaranse os contactos nos próximos días cos representantes municipais dos diferentes concellos polos que discorre o Camiño de Inverno e cos diferentes colectivos relacionados coa vía de peregrinación, para formalizar a convocatoria. Buscarase que ao encontro acudan o maior número de axentes implicados, para que así, en conxunto se marquen as liñas mestras e se traballe colectivamente sobre as estratexias coas que impulsar e promocionar o vieiro. 

2 de febreiro de 2016 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.