O Concello de Bueu gravará os plenos para mellorar a efectividade municipal
O Concello de Bueu gravará a partir de agora o audio das sesións plenarias, co obxectivo de racionalizar e mellorar a efectividade municipal e a progresiva e persistente implantación da administración electrónica, tal e como se recolle no cadro de características. Así, o equipo preciso será adquirido á empresa SPICA S.L., por un importe de 3.509 euros, IVA incluído.
Esta medida adóptase desde a concellaría de Desenvolvemento e innovación tecnolóxica, e con ela vaise axilizar, mellorar a eficiencia e redistribuír, de xeito racional, o traballo vinculado á elaboración dos borradores das actas das sesións plenarias no departamento de Secretaría do Concello.
A empresa subministradora impartirá dous días de formación nas dependencias municipais para ensinar a utilizar o soporte, ademais de ofrecer un servizo de garantía para a xestión de incidencias que se detecten no software e hardware.