publicidade hoxe

O Concello de Ames vai realizar unha segunda proba temporal para reorganizar o tráfico viario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames vai realizar durante o vindeiro luns, 22 de febreiro, unha segunda proba temporal para reorganizar o tráfico viario e mellorar a seguridade peonil no CEIP da Maía e no IES de Ames, ambos os centros situados na localidade de Bertamiráns. Para iso vanse a desenvolver unha serie de accións puntuais como son habilitar unha beirarrúa na dársena de autobuses e establecer unha fila única de autobuses en vez das dúas que existen actualmente. A principal diferencia respecto á primeira proba, que se realizou no pasado mes de novembro, será que agora todos os alumnos/as do CEIP A Maía entrarán ao colexio pola porta principal do centro. Esta iniciativa vai ser posta en marcha entre os departamentos de Educación, Urbanismo e a Policía Local de Ames.

O alcalde de Ames e responsable da área de Seguridade cidadá, José Miñones, solicita unha vez máis “a colaboración e comprensión da comunidade educativa de Ames para que este segunda  proba se desenvolva con éxito e sexa a derradeira. Dende o goberno municipal cremos que a seguridade dos rapaces e rapazas é a primeira das prioridades, por iso estamos realizando estas probas co fin de reorganizar o tráfico nesta zona escolar e mellorar a seguridade peonil de todo o alumnado”.

Por outra banda, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “o pasado 15 de xaneiro eu mailo concelleiro de Urbanismo, Blas García, tivermos unha xuntanza coas ANPAS, coas dúas directoras destes centros escolares e coa empresa de autobuses que presta o servizo de transporte escolar, para fixar unha data para a realización desta segunda proba. A data elixida entre todos foi o luns 22 de febreiro. Posteriormente, deuse conta deste asunto nos consellos escolares do CEIP A Maía e do IES de Ames e concretáronse os detalles da proba que se realizará. Por último, dende hoxe dende os propios centros escolares estase informando a todas as familias sobre esta actuación”.

Deste xeito, o Concello de Ames realizará o vindeiro luns 22 de febreiro unha segunda proba temporal para reorganizar o tráfico viario e mellorar a seguridade peonil na contorna do CEIP A Maía e do IES de Ames, situados en Bertamiráns. Segundo o concelleiro de Educación “agardase que esta xa sexa a última e definitiva proba”. Debido a iso realizaranse unha serie de actuacións puntuais como son habilitar unha beirarrúa provisional na actual dársena de autobuses escolares, quedando simplemente unha fila de autobuses na parada actual, en vez das dúas filas de autobuses.

Acceso ao CEIP da Maía só pola porta principal

Tamén se habilitará unha dársena provisional de autobuses, situada entre as dúas portas de entrada ao recinto do CEIP A Maía. Todos os nenos e nenas que viaxan nos autobuses con números 1, 2 e 3 (na nova dársena) entrarán ao colexio, como xa é habitual, pola porta de acceso principal. Segundo explica David Santomil “esta é a principal diferencia respecto á primeira proba que se realizou no pasado mes de novembro. Agora todos os alumnos/as do CEIP A Maía entrarán ao colexio pola parta principal do centro”.

Ademais, impedirase temporalmente o aparcamento en batería de vehículos particulares na nova dársena do CEIP A Maía (uns 45 metros) e habilitaranse prazas temporais para discapacitados e comedor escolar. Finalmente, recoméndase o uso do aparcadoiro do pavillón polideportivo para os vehículos particulares, para evitar atascos nas zonas de entrada aos centros escolares. 

Por último, David Santomil, indica “ que durante toda a xornada de proba reforzarase a presenza da Policía Local nesta zona.  Agradecemos a colaboración de todas as familias, nais e pais e agardamos que esta proba sexa de utilidade para mellorar a seguridade viaria e peonil nos centros escolares o antes posible. Este é un obxectivo prioritario para todos os grupos municipais que forman a corporación municipal e para a comunidade educativa de Ames. Temos o compromiso de facer todo o posible para solucionalo”. 

18 de febreiro de 2016 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.