O Concello de Ames executa obras de mellora na praza de Correos do Milladoiro
O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, achegáronse ata a praza coñecida popularmente como “de Correos”, que está situada entre as rúas Agro da Madalena e a avenida de Rosalía de Castro, para ver de primeira man como se están desenvolvendo as obras de acondicionamento e mellora das instalacións deste lugar de esparexemento e ocio. Estes traballos, que teñen un custo de 50.000 euros, enmárcanse dentro do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña.
O Concello de Ames está levando a cabo a adecuación da praza de Correos, que está situada entre a rúa Agro da Madalena e a avenida Rosalía de Castro no Milladoiro. A praza atópase en medio dunha serie de edificios, a través dos cales se conecta aos dous viarios anteriormente mencionados, xa que ningunha rúa a conecta directamente con eles.
A praza na que se está levando a cabo a actuación foi construída de forma que un desnivel a divide en dúas partes, a segunda das cales, a de máis baixa altura, ten o firme moi deteriorado. Isto causou o deterioro da zona e o seu afundimento impedindo o correcto desvío da auga da chuvia, co perigo de esvaramento que isto supón cando se acumulan augas pluviais. A través destas obras substituíuse o pavimento, reparando tamén a parte alta da praza de forma puntual naquelas zonas onde era necesario. A pavimentación do solo realizarase a base de formigón.
Ademais da reparación do pavimento procedeuse á instalación dunha nova rede de pluviais, substituíndo a rede de evacuación de augas por unha nova que conecta coa xa existente. Así mesmo instalarase novo mobiliario, tanto bancos como colectores do lixo, na parte baixa da praza e substituírase o deteriorado da parte nova por moblaxe novo. Tamén se instalarán novos puntos de iluminación en ambas áreas da praza. A área de actuación a través destas obras é de 765,85 metros cadrados.
O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, destaca que “a través destas obras estase mellorando unha parte desta praza que é utilizada por un gran numero de nenos/as e adultos. Ademais, colocouse unha fonte de auga que era unha demanda dos veciños que frecuentas este lugar para que os rapaces e rapazas poidan beber cando xogan na praza”.











