publicidade hoxe

O Concello da Guarda toma medidas de seguridade polo estado do pavillón de Solanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

O pasado venres día 12 de febreiro o equipo de goberno do concello da Guarda, en vista do estado de deterioro que presenta o pavillón do CEIP As Solanas e das malas previsións meteorolóxicas, encargou a redacción dun informe urxente sobre a situación de risco que presentaba esta instalación ao aparellador municipal.

En base ao informe técnico o alcalde ordenou, na mañá do mesmo venres, o valado do pavillón por cuestións de seguridade dado que se estaban desprendendo pequenos fragmentos da cuberta. A súa vez comunicou esta situación a Dirección do Centro e a Xefatura Provincial de Educación, con quen ven tendo contactos para solicitar o arranxo do pavillón dende fai moitos meses. Na mesma comunicación o alcalde instou ao Xefe provincial a que enviara o convenio que deben asinar  a Consellería de Educación e o Concello da Guarda para financiar as obras cuxo valor ascende a 150.000€, que costearán as dúas administracións ao 50%.

Como medida adicional e para minimizar a situación de risco o concello encargou a unha empresa que accedera a cuberta do pavillón para facer unha revisión do estado da cuberta e retirar aqueles fragmentos que presentan risco de desprendemento.

Para executar a obra é necesario, ademais de asinar o convenio, a redacción dun proxecto por parte da Consellería e a aprobación da proposta de investimento por parte da Deputación, dado que A Guarda obterá os fondos necesarios do Plan Concellos que a Deputación destina para investimentos nas entidades locais.

Nestes momentos aínda que o informe do técnico municipal recomenda non usar o pavillón so cando haxa algunha alerta por mal tempo, a dirección do centro de acordo coa inspección educativa tomou a decisión de impedir o seu uso a espera de que os servizos técnicos da Xefatura Provincial de Educación fagan unha valoración do risco.

Dada a incomodidade que o peche do pavillón está a provocar na comunidade educativa o alcalde ofreceuse a manter unha xuntanza coa directiva da ANPA e solicitou á dirección do centro que convoque unha reunión informativa co profesorado e pais e nais de alumnos para responder as súas dúbidas.

O equipo de goberno municipal fará todo o que estea na súa man para que a reparación da cuberta do pavillón das Solanas se faga o antes posible. Dende o concello trasladouse  Xefe Provincial de Educación e aos servizos técnicos a necesidade de axilizar a tramitación para provocar o mínimo prexuízo tanto aos alumnos do colexio como as diferentes equipos deportivos que utilizan a instalación fora do horario lectivo. 

17 de febreiro de 2016 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.