O Concello da Coruña levará esta primavera a un barrio da cidade un pleno extraordinario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, participou na mañá deste luns na comisión informativa desta área, unha xuntanza na que se acordou a realización dun pleno extraordinario para debater sobre o estado da cidade, que terá lugar durante a primavera e que se celebrará nalgún barrio da Coruña e non no salón de sesións do pazo de María Pita. O obxectivo, segundo destacou a responsable municipal, é “descentralizar o debate político e achegalo á cidadanía”.

Delso presidirá este mércores, día 3 de febreiro, a comisión especial de reforma do regulamento orgánico municipal e do regulamento orgánico de participación cidadá. A este fin, a concellería que dirixe ten xa avanzando un estudo sobre o regulamentos de participación de seis cidades do Estado, como son Madrid, Zaragoza, Córdoba, Ferrol, Narón, e RivasVaciamadrid, para analizar os dereitos que ten a cidadanía dentro destas normativas, os órganos de participación existentes nas diferentes cidades e os mecanismos de apoio á cidadanía individual e organizada en cada un destes documentos, de cara a realizar unha comparativa e ter un marco de referencia á hora de comezar a traballar na modificación do regulamento de participación cidadá da Coruña.

Nesta liña, a concelleira salientou hoxe as accións do Goberno municipal para abrir novas canles de comunicación e participación da cidadanía, a última das cales estreouse o pasado sábado no centro cívico de San Diego no primeiro encontro ‘Dillo ti’, do alcalde e o equipo de goberno cos veciños e veciñas, “un novo dereito que se abre, e que é un espazo onde render contas, pero tamén onde conversar e trasladar propostas, suxestións e melloras”, tal e como destacou a concelleira de Participación, quen saudou a boa acollida que tivo a sesión do sábado, tanto por asistencia como por implicación dos e das participantes no debate.

1 de febreiro de 2016 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.