O Concello da Coruña celebra o Día Mundial dos Humidais cunha charla sobre a Ría do Burgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellería de Medio Ambiente organiza este venres, día 5 de febreiro, dentro dos actos que conmemorarán a celebración do Día Mundial dos Humidais (2 de febreiro), unha charla arredor da Ría do Burgo. A actividade, que terá lugar no Centro Ágora, ten como obxectivo “poñer en valor o potencial social e ambiental deste tipo de ecosistemas e, particularmente, os do encoro de Abegondo Cecebre e da Ría do Burgo”, explicou este luns a edil María García. “A Ría é a mellor reserva de fauna e flora salvaxe da nosa contorna”, salientou a responsable municipal, “é unha escola ao aire libre, un espazo natural idóneo para a reflexión sobre o uso dos medios litorais nas zonas urbanas e opcións de futuro sostibles”. A concelleira avanzou que a xornada divulgativa tratará aspectos relacionados co proxecto de dragado da Ría e a rexeneración da mesma. O parladoiro, que comezará ás 19.00 horas e será de entrada libre, enmárcase dentro do programa de actividades de Educación Ambiental deste ano, presentado o pasado día 26 de xaneiro, co que a Concellería quere implicar a novos públicos nas tarefas de educación, sensibilización e participación de índole ambiental.

Dentro dos actos de divulgación previstos polo Concello con motivo do Día Internacional dos Humidais, mañá martes celebrarase tamén unha sesión formativa para os 35 alumnos e alumnas de bacharelato que cursan Bioloxía no IES Fernando Wirtz, que comezará ás 11.30 horas no propio centro, e que se completará cunha visita á ría do Burgo, entre as 12.30 e as 14.00 horas.

1 de febreiro de 2016 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.