O Colexio Oficial de Graduados Sociais presentou na Deputación da Coruña un servizo de asesoramento gratuito para persoas con dificultades económicas
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu hoxe a unha delegación do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, encabezada pola súa presidenta, Susana Soneira.
No encontro, os representantes da entidade deron a coñecer as actividades que desenvolve o Colexio en materia de relacións laborais. En especial, informaron ao presidente da Deputación sobre a posta en marcha da iniciativa social posta en marcha recentemente para atender as necesidades de persoas con dificultades económicas que necesiten consello en materia laboral, sobre coberturas de desemprego, réxime de Seguridade Social ou calquera outro aspecto vinculado aos dereitos dos traballadores.
Trátase do Servizo de Asesoramento, de carácter gratuíto, que se desenvolve de forma voluntaria desde a entidade colexial. Susana Soneira aproveitou este encontro para proporlle a Valentín González Formoso a difusión deste servizo desde a Deputación para que chegue ao máximo número de potenciais beneficiarios, á vez que expuxo posibles colaboracións no futuro para aproveitar as sinerxías de ambos organismos.











