O Colexio de Psicoloxía, xefaturas de Tráfico e Garda Civil alíanse para baixar a mortalidade nas estradas galegas de persoas maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia vén de poñer en marcha unha dinámica de traballo conxunto coas xefaturas de Tráfico da nosa Comunidade e mais a Garda Civil, co fin de loitar contra a mortalidade das persoas maiores nas estradas galegas. Materializouse na reunión a tres bandas mantida este xoves 4 de febreiro na sede do Colexio, en Santiago de Compostela, xunto co tenente coronel e xefe da Garda Civil de Tráfico en Galicia, Francisco Javier Molano Martín; a xefa provincial de Tráfico da Coruña, Victoria Gómez Dobarro; a súa homóloga en Lugo, Paula Yubero Plaza; así como o responsable en Ourense, David Llorente Rey. Como representantes do Colexio Oficial de Psicoloxía participaron Eva Muíño Gómez, membro da Xunta de Goberno e coordinadora do Grupo de Tráfico e Seguridade do Colexio, xunto con Rosa Mª Domínguez Cameán e María Jesús Sánchez Peteiro, membros do mesmo Grupo.

Neste primeiro encontro puxéronse as bases para traballar contra un destacado e particular reto no eido do tráfico na nosa Comunidade: a importante sinistralidade das persoas maiores nas estradas, tanto na poboación condutora como entre peóns. Manifestouse por todos os sectores implicados a importancia de colaborar a nivel de concienciación e sensibilización da importancia da seguridade viaria e do rigor nas revisións das persoas maiores, tanto entre a poboación condutora como entre os e as profesionais que exercen nos centros de recoñecemento de condutores.

A necesidade deste encontro que terá continuidade no tempo vén das particularidades da poboación galega, notablemente o seu envellecemento, xa que o 23% dos habitantes supera os 65 anos, unha porcentaxe que se sitúa no 18% no conxunto do Estado. Isto implica un incremento dos riscos derivados da idade, ao que se une a dispersión poboacional e a necesidade de mobilidade.

Para o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia esta primeira toma de contacto é de especial importancia, xa que é crucial manter unha comunicación fluída coas distintas Administracións públicas implicadas, co fin de unificar criterios e poder traballar na mesma dirección para conseguir o obxectivo de reducir a sinistralidade nas estradas galegas.

5 de febreiro de 2016 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.