O Colexio de Psicoloxía de Galicia fai fincapé no tratamento de alteracións condutuais en persoas con dano cerebral adquirido
Os vindeiros días 19 e 20 de febreiro o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia acolle na súa sede compostelá un curso sobre avaliación e programas de intervención neuropsicolóxica en alteracións condutuais e emocionais derivadas do dano cerebral adquirido. Nos últimos anos houbo un progresivo incremento de persoas afectadas por dano cerebral adquirido, cos conseguintes cambios, habitualmente dramáticos, na vida do/a paciente e da súa familia. Moitas persoas con dano cerebral adquirido, especialmente se a orixe é traumática, presentan alteracións condutuais e emocionais. Este tipo de secuelas é de difícil manexo e inciden directamente nas opcións de aproveitamento dos programas de rehabilitación, podendo resultar obstáculos insalvablesse non se abordan de forma adecuada, xunto cunha grave dificultade para a reinserción social e familiar.
A rehabilitación neuropsicolóxica é un proceso activo no que os/as profesionais e a persoa afectada traballan de maneira conxunta para conseguir o máximo nivel de funcionamento físico, social e psicolóxico. A rehabilitación neuropsicolóxica pretende axudar o/a paciente e a súa familia a optimizar o proceso de recuperación, a comprender mellor as alteracións que presenta e a desenvolver estratexias para mellorar a súa calidade de vida. Por iso é fundamental recoñecer e intervir adecuadamente nesta problemática condutual e emocional coa meta final de permitir aos/ás pacientes e os seus familiares manexar, tolerar ou reducir os déficits que se producen por unha lesión cerebral.
Esta nova actividade formativa “Alteracións condutuais e emocionais con persoas con dano cerebral adquirido. Avaliación e programas de intervención neuropsicolóxica”, está coordinada pola psicóloga clínica Vanessa Vilas Riotorto, coordinadora do Grupo de Traballo de Neuropsicoloxía da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG. Será impartida por Sandra Ruibal Álvarez, doutora en Psicoloxía e Neuropsicóloga Clínica na Unidade de Dano Cerebral do Centro de Promoción da Autonomía Persoal de Bergondo, que ofrece ás persoas con discapacidade física e/ou sensorial en idade laboral unha atención individualizada e integral a través dun conxunto de prestacións e recursos especializados para a súa rehabilitación, tanto profesional como persoal, familiar e social para que poidan normalizar a súa vida.
O Grupo de traballo de Neuropsicoloxía da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia trata de ofrecer unha formación continuada para que as/os profesionais da nosa Comunidade poidan mellorar a súa formación e veñen realizando varios cursos para afondar no tratamento das persoas afectadas por dano cerebral adquirido.











