O colectivo Ultreia LGTBI condena a agresión homófoba nun supermercado de Santiago

O colectivo Ultreia LGTBI condena a agresión
O colectivo Ultreia LGTBI condenou este venres, fronte ao Concello de Santiago, a agresión homófoba acaecida o pasado luns nun supermercado compostelano da rúa Galeras.
Tras relatar a agresión homófoba que sufriu a parella, Alberto Hernández, voceiro da asociación, instou a sociedade a loitar contra a “discriminación do colectivo LGTBI”, o “machismo” e o “heteropatriarcado”.
Tamén denunciou que a lei 2/2014 “non supón ningunha agravante” para estes casos” e que, polo tanto, “queda en papel mollado totalmente”. Por iso, instou ás administracións a “implicarse moito máis”.
Así mesmo, subliñou que o problema é “moi claro”, xa que a parella acudiu ao hospital e denunciou a situación: “A denuncia está aí, a agresión está aí, hai unhas testemuñas”.
Sobre este tema, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen estivo presente na concentración, mostrou a súa “condena enérxica” ante esta agresión. “Non son situacións de recibo nunha sociedade que se di transixente e integradora”, remarcou.
Así mesmo, indicou que el mesmo contactó coa parella que sufriu a agresión e que o Concello puxo á súa disposición os recursos pertinentes. De igual modo, precisou que a Casa do concello falou coa Policía Local acerca deste tema, a pesar de que é un asunto que investiga a Policía Nacional.
Preguntado por se o Concello vai comparecer neste caso, Noriega indicou que o valorará e que non ten “vocación” de “incumprir” ningunha moción.
Cuestionado acerca de que os agresores non pasaran por comisaría, o alcalde de Santiago opinou que “a simple vista” dá a “sensación” de que os motivos son “bastante inconsistentes”. “Non estamos a falar unicamente do incidente e da agresión directa e homófoba que houbo no barrio de Galeras, senón que estas dúas persoas reiteraron o seu intento de agresión no centro hospitalario de referencia (onde foi atendida a parella)”, sinalou.
A liña seguido, indicou que non ten información de “cáles son as razóns baixo as cales a Policía Nacional está a actuar así”.
Pola súa banda, o voceiro de Ultreia asegurou que a Comunidade galega “camiña unida contra a LGTBIfobia” e mostrou o seu agradecemento ao Concello de Santiago polo “apoio” mostrado. De feito, na concentración estaban presentes o alcalde, Martiño Noriega, así como concelleiros dos grupos da oposición. Tamén estaba o exalcalde de Compostela Xosé Bugallo.











