publicidade hoxe

O certame de escultura Francisco Asorey promove a creación e a difusión artística na nova convocatoria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal Portada
A-
A+
Anxo Lorenzo na presentación do certame

Anxo Lorenzo na presentación do certame

A Asociación Cultural Francisco Asorey convoca a terceira edición do certame de escultura que leva o nome deste artista, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, do Concello de Cambados e da Deputación Provincial de Pontevedra. Representantes das catro institucións presentaron esta mañá na localidade pontevedresa de Cambados, vila natal de Asorey, a nova convocatoria deste certame escultórico, destinado á promoción e á posta en valor da creación artística actual.

“O legado dun dos grandes artísticas plásticos do século XX na nosa terra segue a ser hoxe un referente e serve, ademais, de inspiración constante para os creadores e creadoras do noso tempo”, asegurou Anxo Lorenzo. Nese sentido, o secretario xeral recordou que “Asorey é unha figura senlleira na escultura de Galicia, un dos piares da nosa arte e da nosa cultura, o ‘artista da raza’, un creador que é patrimonio de todos os galegos e as galegas”. “Tanto –engadiu–, que as súas obras forma parte da nosa contorna urbana, como os monumentos a San Francisco en Santiago de Compostela, a Curros Enríquez na Coruña, a Joaquín Loriga en Lalín ou a Eduardo Cabello en Vigo, xunto con numerosas placas, bustos e outras obras en museos, igrexas, e institucións diversas da nosa xeografía”.

Na rolda de prensa tamén interviron o deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística de Pontevedra, Xosé Leal Fariña, e o Concelleiro de Cultura de Cambados, Víctor Caamaño, en representación das restantes institucións implicadas nesta iniciativa.

Traballos inéditos de tema libre

Calquera persoa, sen limitación de idade, pode participar neste premio, cunha única obra de tema libre, inédita e orixinal, da que sexa autora, realizada en calquera material e cuxas dimensións non superen os 120 cm de alto e os 80 cm de profundidade e de ancho.

Exposición das obras finalistas na Casa da Parra

O certame está dotado con 5.000 euros para a obra gañadora, ademais de dous accésits de 1.000 euros cada un. Os traballos finalistas conformarán a exposición do Certame de Escultura Francisco Asorey, que, segundo anunciou o secretario xeral de Cultura na rolda de prensa, itinerará no último trimestre do ano a Santiago de Compostela, onde se poderá ver no centro expositivo da Casa da Parra.

As bases do certame están accesibles nas webs www.fundacionasorey.com e en www.cultura.gal, e o prazo para a inscrición está aberto ata o vindeiro 20 de xuño.

Máis de 40 obras a concurso na segunda edición

“Nas dúas edicións anteriores do certame –afirmou Anxo Lorenzo– tivemos a oportunidade de constatar, a través das 41 obras presentadas a concurso por artistas de nacionalidades diversas, a calidade das esculturas participantes e a excelencia das e dos autores, tanto dos consagrados como daqueles emerxentes que están a labrar o seu futuro nesta disciplina”.

Unha exposición en Cambados recolleu os 12 traballos finalistas, obra de autores recoñecidos xunto con outros de artistas emerxentes, procedentes no caso de Galicia do alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela, da Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña ou da Escola de Canteiros de Pontevedra. A obra gañadora da pasada edición foi ‘Lambetazo’, de José Castro, mentres que os traballos Miguel Ángel Vigo e de Óscar Aldonza recibiron cadanseu accésit.

Apoio aos certames artísticos

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén apoiando a creación artística actual a través da súa colaboración con diversos certames, entres os que tamén se inclúen iniciativas como o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, e mais o Premio de Cartelismo Francisco Mantecón.

16 de febreiro de 2016 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.