O alumnado da EMMA ofrece un concerto de Entroido este venres
Este venres, 5 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro a partir das 19:30 horas, mestres, mestras e alumnado da Escola de Música Municipal de Ames convidan a veciños e veciñas a asistir ao seu concerto de Entroido. As bandas sonoras de grandes éxitos da sétima arte serán protagonistas da maior parte das pezas que se interpretarán ao longo da velada.
Os máis pequenos da Escola serán os primeiros en saír ao escenario. Nenos e nenas, de entre 4 e 7 anos, da aula de Música e Movemento prepararon para o público “Apertas que voan”, creación do músico e compositor Paco Nogueiras. Os e as percusionistas da Escola adaptarán as cancións Tempo e Titanic, e o alumnado de Linguaxe Musical achegará ao público ao rap e á música popular indonesia co tema Ali de Bali.
Os alumnos e alumnas de canto prepararon dous popurrís de cancións que moitos dos presentes recoñecerán: soarán My heart will go on, da película “Titanic”, o Piensa en mi que sona en “Tacones Lejanos”, de Pedro Almodóvar. Do musical “Los Miserables” escoitaranse I dreamed a dreamed e On my own e películas para un público máis xuvenil, como “Crepúsculo” ou “Camp rock” tamén serán versionadas polos estudantes da EMMA.
E non só no canto poderanse escoitar éxitos da gran pantalla, xa que a orquestra de frautas, saxo e percusión interpretará coñecidos temas de Jurassic Park. As bandas sonoras compartirán escenario con música popular; as cordas das da orquestra de guitarras versionarán O son do ar, do grupo Luar na Lubre, e as do grupo de violíns e a orquestra de violóns a canción de folk inglés Lavender’s blue. Estes últimos tocarán ademais as cancións Extradición e A Thousand Years.
Lorde, Oasis e The Weekend son os tres grupos actuais dos que se apropiarán as voces da clase de combo de canto e de combo xuvenil. Para finalizar o concerto da Escola de Música os integrantes do combo de adultos despedirán a velada con senllos clásicos do rock español: Vamos a tocar un rock and roll a la plaza del pueblo, de Tequila, e Maneras de Vivir, do madrileño Rosendo.











