O alcalde de Vigo acepta estudar o traslado dos xulgados ao Xeral
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrouse este venres disposto a “estudar e analizar todas as propostas que se fagan sobre a cidade”, entre elas, a exposta pola Xunta de trasladar todas as dotacións ao edificio do antigo Hospital Xeral, e pedido entrevistarse con Alfonso Rueda para coñecer os detalles desta formulación.
Nun comunicado, o rexedor olívico confirmou que coñecera a proposta presentada por Rueda aos colectivos da xudicatura viguesa “a través dos medios de comunicación” e que o propio vicepresidente da Xunta lla confirmou nunha chamada telefónica “de tres minutos”.
Caballero mostrouse disposto a analizar dita proposta, pero instou a Rueda a manter un encontro para que lle expoña “o contido, o proxecto, os datos e todo o referente a unha cuestión de tanta importancia para a cidade”. “Todas as propostas serán estudadas con toda a atención e sempre en interese da cidade de Vigo”, apuntou.
Así, o rexedor queda á espera de que Rueda faga a solicitude formal de entrevista, xa que “neste momento o Concello ten un descoñecemento total desta proposta, máis aló do que xa coñecen os medios de comunicación”.











