O alcalde de Ourense convoca o pleno para debater a súa reprobación para o luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Europa Press

O Concello de Ourense convocou para o luns 8 de febreiro a moción de reprobación contra o alcalde, Jesús Vázquez, minutos despois de que o voceiro de Democracia Ourensana (DO), Gonzalo Pérez Jácome, presentase a proposta no rexistro municipal avalada unicamente polos oito concelleiros da súa formación.

Visiblemente emocionado, Vázquez apostou por unha convocatoria inmediata en beneficio da “gobernabilidade” da cidade. “Non temo nin mocións nin reprobacións, asegurou o rexedor, quen non descartou que a moción forme parte dunha estratexia política de DO para forzar o PSOE a pactar unha moción de censura contra o seu mandato. O PP goberna en minoría o Concello de Ourense con dez concelleiros, fronte aos oito de Democracia Ourensana, seis do PSdeG e tres de Ourense en común.

Sobre a présa da convocatoria do pleno, a penas catro días despois de ser presentada, Jesús Vázquez insistiu en que “canto antes” se aborde é mellor para que o Concello poida seguir traballando”.

De feito, resaltou que a súa principal preocupación agora non é afrontar unha posible moción de censura, senón “evitar a ingobernabilidade” da cidade. “Se me quixese aferrar a un asento, buscaría acordos de Gobierno, sinalou ao respecto. Neste sentido, pediu aos partidos da oposición que permitan a gobernabilidade” para que os cidadáns “non teñan que estar a pagar os enfrontamentos”.

Vázquez respondeu ás críticas de DO sobre a falta de grandes proxectos durante o seu mandato enumerando algúns dos postos en marcha dende que está á fronte do Concello, como os convenios para arranxar a Ponte Romana e a Ponte do Milenio, a inversión de cinco millóns de euros para o Campus da Auga ou o impulso ás obras da Circunvalación Norte da cidade. “Estou a facer o que buenamente podo. Traballando 20 horas ao día. Se iso é reprobable, que me reproben”, concluíu.

MOTIVOS DE DO

A resposta do Concello produciuse apenas media hora despois de que o voceiro de Democracia Ourensana presentase no rexistro municipal a solicitude do pleno para reprobar a Jesús Vázquez. Jácome dixo que o obxectivo da moción é “poñer etiqueta” e “definir” o alcalde, de forma que quere que a sesión plenaria sirva para informar os cidadáns de que “é moi mal xestor” e que “non cumpre as mocións e presupostos en tempo e forma”.

DO destaca tres motivos principais para xustificar a reprobación contra Vázquez. En primeiro lugar, o seu incumprimento dos acordos plenarios, que cualifica como “tirar ao lixo o tempo, traballo e recursos públicos”. Tamén critica que “despois de fustrigar o anterior grupo de Goberno” o PP non presentara os presupostos anuais en tempo e forma.

Por último lamenta que “Vázquez desaproveitou unha oportunidade histórica” de conseguir recursos para Ourense. “Vendeunos que era alcalde dun goberno amigo, do PP en Madrid e non conseguiu ningunha inversión para Ourense”, reprobou Jácome.

Ademais, abriu as portas ao resto de grupos con representación na Casa do concello para que se sumen á reprobación e considerou que o pleno do luns servirá para “ver a cara de cada un”.

“Esperamos que a etiqueta desta reprobación sexa a antesala doutros movementos, xa vinculantes, e que poderían librar a Ourense de esta lacra de alcalde-propaganda, ao que queremos desenmascarar con todas as súas mentiras de bombo cos medios e a súa ridícula obsesión facebookiniana,” sinalou DO.

OURENSE EN COMÚN DESMÁRCASE

“Se Gonzalo Pérez Jácome e Democracia Ourensana queren en verdade abrir o debate sobre o carácter vinculante das mocións plenarias que o faga de forma seria, instando a modificar o regulamento e achegando emendas”, comentou a través dun comunicado Ourense en común.

O voceiro desta formación, Martiño Xosé Vázquez, sinalou que a reprobación “só “debe chegar” cando a xestión do alcalde sexa “ineficiente” ou “ataque directamente os intereses dos veciños”.

Para Vázquez, “ata o momento” a maioría dos problemas xa estaban cando se constituíu a corporación, o que non xustifica a petición do pleno extraordinario.

“Para nós a primeira grande proba deste equipo de goberno chegará coa prioridade de gasto nos presupostos, pois esa si será a primeira grande decisión de Jesús Vázquez como alcalde”, sinalou Martiño Vázquez.

Pola súa parte o voceiro do PSOE no Concello ourensano, Anxo Vázquez Barquero, xa comentou o martes que non falarán ata a cita plenaria.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, referiuse á proposta de DO como “unha operación máis para xustificar a súa presenza na política”. Neste sentido, Baltar reafirmouse no convencemento de que este grupo político “de momento non demostrou a súa utilidade” en defensa dos intereses da cidade”.

Baltar mostrouse convencido de que despois do pleno do luns o PP continuará no Concello de Ourense e cualificou o labor de Vázquez como “unha etapa de normalidade que non se vivía dende hai anos” e que “pedía a sociedade ourensana”.

4 de febreiro de 2016 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.