publicidade hoxe

O alcalde de Lalín solicita unha reunión co Conselleiro de Industria para estudar alternativas para a fraga de Catasós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O alcalde de Lalín vén de solicitar unha reunión co conselleiro de Industria para analizar posibles alternativas para o trazado da Liña de Alta Tensión (LAT) O Irixo-Lalín, cuxa planificación actual implicaría a destrución dun espazo dunha enorme importancia natural e paisaxística, como é a fraga de Casas Vellas. O rexedor continúa deste xeito coas actuacións que se están a desenvolver dende o principio de mandato para buscar unha solución que impida que se consume o desenvolvemento dunha iniciativa que, de manterse nas actuais condicións, suporía “un grave atentado ecolóxico”.

A xuntanza tamén serviría para darlle continuidade ao programa de conversas con todas as partes implicadas para falar sobre as posibles saídas a esta iniciativa. A principios deste mesmo mes o Goberno comprometíase a retomar os encontros a varias bandas para debater as diferentes opcións para desviar a liña de alta tensión e lograr, de este modo, que o seu impacto sexa o menor posible.

Neste sentido, o pasado luns mantíñase un encontro con responsables de Gas Natural Fenosa na que se poñían sobre a mesa varias alternativas ao trazado actual, entre elas a elaborada polo xeógrafo Antonio Presas. De maneira paralela, o Goberno está a manter encontros periódicos con membros da Plataforma Salvemos Catasós para darlles conta das xestións que está a realizar o Concello e para informar dos avances que se están a producir nas negociacións.

Para o alcalde de Lalín, a reunión co conselleiro de Industria pretende implicar á Xunta na busca de posibles solucións para as fragas. Rafael Cuíña considera que a participación de Francisco Conde, “polo que teño a máxima consideración profesional e persoal”, pode contribuír “de maneira notable a desbloquear a saída a un asunto no que todos os lalinenses nos xogamos moito, xa que de nós depende que as nosas fillas e fillos poidan seguir desfrutando dun espazo natural tan emblemático como as fragas de Catasós”.

Ademais, o rexedor convidou hoxe ao Partido Popular a sumarse á procura de solucións para as fragas de Catasós. “Estamos ante un tema esencial para Lalín”, afirma Cuíña, “un asunto que debe estar por enriba de intereses partidistas e de liortas políticas porque afecta a todos os lalinenses independentemente de a quen voten”. Nesta liña, o alcalde asegura que “a porta do meu despacho sempre estará aberta para quen queira ir da man en cuestións fundamentais coma esta. Talvez así o PP poida facer na oposición o que non fixo cando estaba no goberno”. 

De xeito complementario, o alcalde lembrou que o Concello está a traballar na declaración da fraga como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), unha iniciativa que se agarda que estea concluída nun prazo aproximado de dous meses. Unha vez estea rematado, o Concello contará cun argumento máis para evitar a que se arruíne este espazo de gran valor ambiental.

Por último, o alcalde reitera o rexeitamento frontal do Concello aos plans de Gas Natural Fenosa para as fragas de Catasós. Tamén insistiu no seu total apoio ás reivindicacións de veciños e de entidades como a Plataforma Salvemos Catasós, coa que o Goberno vai da man para evitar que a LAT atravese a fraga de Casas Vellas.

17 de febreiro de 2016 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.