O alcalde de Ferrol considera que novas eleccións xerais pode supor demasiada tensión para a cidadanía
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), asegurou que “sería someter a demasiada tensión á cidadanía” volver convocar unhas novas eleccións cando hai unha posibilidade de chegar a un acordo de goberno” e, neste sentido, considerou que “deberían de facerse todos os esforzos posibles para lograr unha coalición de esquerdas”.
Con todo, tamén afirmou que, en caso de non chegar a un entendemento, “non o consideraría un fracaso”, en alusión ás negociacións para formar un novo Executivo para o Estado.
O rexedor ferrolán quixo tamén sacar importancia a que o documento presentado por Podemos non inclúa as reivindicacións de En Marea. “É un documento aberto, do que me deron traslado fai catro días, de 111 páxinas e onde concordo con Beiras en que seguramente se deba a problemas de comunicación”, dixo.
Segundo Suárez, no seu caso particular, envióuselle esta proposta “para que fixese algunha proposta e achega a este documento político e que se pode facer até o mesmo día da investidura, se é que a hai, esperamos que si”. O rexedor ferrolán tamén quixo remarcar que “Madrid está moi lonxe” e que el non forma parte desas “negociacións”, aínda que sente “plenamente implicado” e espera que haxa “un Goberno de esquerdas, sobre todo, pensando en Ferrol”.
AVANCE NAS NEGOCIACIÓNS
Pola súa banda, a primeira tenente de alcalde de Ferrol, Beatriz Sestayo (PSOE), asegurou que confía “en que exista un goberno de esquerdas, liderado por Pedro Sánchez, e que fai moita falta tanto á sociedade como a Ferrol”.
Ademais, a líder socialista en Ferrol tamén destacou que lle constan que se chegaron a acordos programáticos con diferentes partidos”.
Á pregunta de que se entre eses acordos estaría a prohibición de poder presentarse a procesos de primarias e electorais aquelas persoas que estean investigadas xudicialmente, como é o caso do secretario xeral do PSdG, José Ramón Gómez Besteiro, Sestayo manifestou que “o momento de valoralo será no momento que se produza e non agora sobre especulacións”.











