O alcalde da Coruña descarta un goberno de coalición co PSOE
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, descartou a posibilidade de formar un goberno de coalición co PSOE na Casa do concello coruñés, despois de que o seu voceiro municipal, José Manuel Dapena, instase á Marea Atlántica a “reformular” as relacións para a negociación dos presupostos para este ano.
A preguntas dos xornalistas, despois de que Dapena afirmase que se a Marea lles formulase formar parte do goberno, estudarían a proposta no grupo municipal; o rexedor manifestou que “non parece moi serio” e que “as cousas”, ante as discrepancias sobre os presupostos para este ano, non están “para isto”.
Pola contra, avogou por “acordos en políticas concretas” entre ambas as dúas formacións, mentres que se mostrou moi crítico coa decisión dos socialistas de deixar “en suspenso” as negociacións sobre os presupostos.
“A fórmula é que falemos e despois establecer eses marcos de confianza”, recalcou Ferreiro. Ademais, instou os socialistas a facer propostas para as partidas económicas deste ano e a “poñelas enriba da mesa”.
“ESCUSAS” DO PSOE
De novo, recriminou aos socialistas non expoñer as súas propostas nas negociacións que se iniciaran, mentres que acusou de “escusa” a decisión do Grupo Municipal Socialista de deixar “en suspenso” as reunións.
Así, preguntouse se é negar información “cando un concelleiro dá explicacións durante máis de dúas horas, partida a partida” ou se o motivo de discrepancia poida ser “se na próxima campaña de Nadal vai haber un Papa Noel ou tres ou que se diga se os cursos de formación van ser de carretillero ou de manipulador de alimentos”.
“Non me parece serio”, insistiu Ferreiro. Na mesma liña, vinculou a decisión do PSOE cunha “estratexia que nada ten que ver coas estratexias da cidade”.
Con todo, se mostrou confiado en “reconducir” a situación, pero manifestou que, se esta semana, esta vía fracasa a Marea Atlántica abriría “outros escenarios”, sen concretar cáles.
Ademais, preguntouse que “máis chamamento queren” os socialistas. “Non sei se teño que ir a cantalo ao balcón de Dapena”, ironizou Ferreiro.
Mentres, sobre a reunión convocada polo BNG para esta tarde, escusou a ausencia argumentando que á mesma hora hai un encontro “para poñer a andar o plan de transparencia”.











