publicidade hoxe

O acusado de asasinar a Lupe Jiménez pide perdón ás súas fillas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilaboa
A-
A+
Europa Press

José Luís C.R., o home acusado de asasinar á súa muller, Lupe Jiménez, en febreiro de 2014 tras levala de casa da súa nai en Vilaboa (Pontevedra), recoñeceu o crime e pediu perdón ás súas fillas por matala “nun arrebato”.

O xuízo iniciouse este martes na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra entre fortes medidas de seguridade, con decenas de axentes da Policía Nacional e a Garda Civil vixiando que non se produzan enfrontamentos entre as familias xitanas da vítima e do acusado.

Durante a vista, José Luís C.R. só quixo responder as preguntas da fiscal e do seu avogado defensor, aínda que se estendeu en detalles acerca do ocorrido entre o 23 de febreiro de 2014, cando supostamente cometeu o crime, e o 25 de febreiro, cando apareceu o cadáver da muller.

O acusado relatou que o crime se produciu no medio dunha discusión, cando ela lle asegurou que se atopaba embarazada de cinco semanas doutro home. “O fillo que teño non é teu”, dixo José Luís C. que lle confesou a vítima, tras o que asegurou que a muller sacou do mandilón un desaparafusador e atacoulle. Entón, segundo a versión do acusado, iniciouse un forcexeo e el cravoulle unha navalla que levaba.

SEN LEMBRAR PARTE DO SUCEDIDO

O home dixo non lembrar parte do sucedido despois de que se producise o “arrebato” durante o que asestou a Lupe Jiménez dezaseis puñaladas, doce no tórax, tres no pescozo e unha na boneca, causándolle a morte “case inmediata”.

Neste sentido, asegurou non lembrar, entre outras cousas, se limpou o coche tras o crime, de onde sacou a súa muller o desaparafusador ou que fixo coa navalla despois de empregala para matala. Tan só explicou que, ao chegar ao seu domicilio en Lugo, queimou a súa roupa manchada de sangue e arroxouna a un pozo que hai na súa casa, tras o cal se presentou na Comisaría, onde inicialmente denunciou a desaparición da muller porque se lle meteu na cabeza que se cadra podía estar viva”.

Ao concluír a súa declaración, o acusado quixo “pedir perdón á familia” e expresou o seu desexo de “algún día poder volver abrazalas”, en referencia ás súas fillas.

TENSIÓN

A declaración do acusado foi seguida con gran tensión por parte da familia da vítima que se atopaba entre o público presente na sala de vistas da Sección Cuarta. A pesar dalgúns insultos proferidos durante a súa declaración, o xuízo desenvolveuse con normalidade.

Con todo, tanto á entrada do acusado na Audiencia como, sobre todo, á súa saída, os familiares de Lupe Jiménez increparon a José Luís C.R., enfrontándose tamén cos medios de comunicación que estaban a gravar a condución do procesado ao furgón da Garda Civil.

O operativo de seguridade disposto ás portas do Pazo de Xustiza de Pontevedra para evitar calquera enfrontamento entre clans xitanos foi innecesario, xa que á cidade do Lérez non acudiu ningún membro da familia do acusado, como celebrou con “satisfacción” o presidente da Sociedade Xitana de Galicia, Sinaí Giménez, orgulloso de chegar “ao xuízo paio sen que se celebrara anteriormente, como é habitual, o xuízo xitano”.

16 de febreiro de 2016 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.