Noriega confía en que a crise de Podemos non repercuta na confluencia
O alcalde de Santiago e cabeza visible de Compostela Aberta, Martiño Noriega, asegurou que “o relato de En Marea” e “o camiño da confluencia” está “absolutamente garantido” independentemente da situación de Podemos en Galicia, insistindo en que non ten “dúbida” de que a implicación desta formación no proceso “será importante”.
A cúpula estatal de Podemos decidiu tomar as rendas da formación morada en Galicia e disolver os órganos autonómicos despois das numerosas dimisións tanto de membros do Consello Cidadán como do Consello de Coordinación e da Comisión de Garantías -que xa contaba con menos da metade máis un de integrantes, o que facía inviable que seguise funcionando-.
Segundo declarou este martes o secretario de Organización, Sergio Pascual, as dimisións producíronse por mor das “feridas internas” provocadas polas distintas lecturas dos resultados da coalición En Marea nas xerais e as discrepancias na prensa sobre o futuro desta candidatura de confluencia. Unha decisión que non conta co visto e prace do até agora secretario xeral en Galicia, Breogán Riobóo.
A preguntas dos medios, Noriega mostrouse “absolutamente respectuoso cos tempos e decisións” que se adoptan no resto de formacións políticas, aínda que se mostrou “convencido” de que En Marea “é o camiño a seguir de cara ás autonómicas” independentemente das medidas que adopte Podemos.
A pesar diso, confiou en que a situación desta formación poida repercutir negativamente no proceso de confluencia cara aos comicios e que, “máis aló de debates e internos e de decisións que poidan adoptar”, non ten “dúbida” de que a implicación da formación neste camiño “será importante”.











