Medios aéreos e terrestres centran nas zonas de costa a procura dos mariñeiros desparecidos ao sur de Cíes
O operativo de procura dos dous mariñeiros desaparecidos o venres ao sur das Illas Cíes céntrase este mércores nas zonas de costa con medios aéreos e terrestres. Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo, os cálculos realizados indican que as mareas aproximarían a costa calquera indicio do paradoiro de ambos os mariñeiros, polo que os esforzos céntranse este mércores nesta área.
Para iso, por aire traballan o helicóptero Pesca I da Xunta e o Álgen da Policía Nacional, mentres que por terra manteñen os operativo efectivos de Protección Civil e de Policía Local.
A área de rastrexo durante a xornada centrarase no cara oeste das Illas Cíes, a Costa da Vea e a zona entre Monteferro e Oia (Pontevedra).
As malas condicións do mar na zona impediron que, polo momento, os mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil se mergullen na contorna do naufraxio. Segundo confirmou Salvamento Marítimo, espérase que o venres melloren estas condicións e poida realizarse a inmersión coordinada por este grupo e con efectivos de Salvamento Marítimo e privados que expresaron o seu desexo de baixar de forma voluntaria para colaborar nos labores.
EMBARCACIÓN LOCALIZADA
O sábado, persoal do helicóptero Pesca I que rastrexaba a zona na que desapareceron os dous mariñeiros que viaxaban a bordo da planadora ‘Látigo’, localizou a embarcación afundida xunto a algúns restos da mesma.
Os restos da embarcación foron localizados media milla ao sur do illote de Boeiro, zona que se atopa ao sur das Illas Cíes e onde o venres pola tarde desaparecera a planadora na que viaxaban os dous mariñeiros.
Foi un familiar quen alertou a Salvamento Marítimo, ao fío das 20,00 horas do pasado venres, da ausencia da planadora ‘Látigo’, embarcación con base en Cangas que debería chegar ao porto de Vigo sobre as 18,00 horas, tras saír a faenar.











