Medio Rural traballará no impulso á produción integrada no viñedo galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Consellería do Medio Rural estudará diferentes vías de colaboración coa asociación de vitivinicultores Envero, para impulsar a Produción Integrada no viñedo galego. Así llo transmitiu a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, aos representantes deste colectivo –que agrupa a 7 adegas inscritas da Denominación de Orixe Rías Baixas–, nunha xuntanza de traballo mantida esta mañá en San Caetano.

A directora xeral explicoulles que a Consellería avaliará a posibilidade de apoiar este tipo de produción (un sistema de cultivo sustentable) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Así, estudarase por exemplo dar unha maior promoción aos viños producidos por este sistema dentro das liñas de apoio aos consellos reguladores. Tamén, traballarase para axilizar os trámites para a publicación do Regulamento Técnico de Produción Integrada de Industrias de Elaboración de Viño, que recolle diferentes indicacións relativas ás instalacións e equipos, rastrexabilidade, transporte, proceso de elaboración, fermentación alcohólica, embotellado, etiquetado e almacenamento. Na reunión de traballo estudáronse ademais outras posibles liñas de colaboración no marco do devandito PDR.

4 de febreiro de 2016 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.