publicidade hoxe

Medio ambiente acometerá a prolongación da rede xeral de abastecemento de Outeiro de Rei este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOuteiro de Rei
A-
A+
Europa Press
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Outeiro de Rei. Foto: C. Paz

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Outeiro de Rei. Foto: C. Paz

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio acometerá este ano a prolongación da rede xeral de abastecemento de Outeiro de Rei. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, reuniuse hoxe co alcalde da localidade, José Pardo, para abordar diversas liñas de colaboración entre a administración autonómica e a local.

Un dos puntos principais acordados na reunión foi acometer esta ampliación do abastecemento, que se licitará este mesmo ano. Os traballos correspondentes á primeira fase tamén poderían empezar neste mesmo exercicio.

En concreto, esta obra buscará mellorar e ampliar a rede existente, a partir da ETAP e o depósito de cabeceira municipal, que foron recentemente ampliados. Para conseguilo, instalaranse dous ramais novos: un deles conectará coa rede existente na zona do polígono industrial de Matela; mentres o outro estenderá a rede actual ata as zonas de Caboi e Mato que actualmente dispón de subministro de auga dende o veciño concello de Rábade.

O alcalde tamén trasladou a necesidade de ampliar a rede de saneamento do concello, unha iniciativa que o departamento autonómico comprometeuse a estudar, aínda que coincidiron na necesidade de priorizar a ampliación da rede de abastecemento.

Por último, na xuntanza abordaron a situación e posta en marcha do punto limpo. Mato sinalou que esta instalación está practicamente finalizada e que se entregará ao concello nas próximas semanas.

5 de febreiro de 2016 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.