Mariano Rajoy: “Nin a Hitler nin a Stalin os declararon persoa non grata en Pontevedra”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Europa Press

O presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, admitiu este mércores que lle “doeu moito” a decisión do Concello de Pontevedra de declararlle ‘persoa non grata’. “É que nin a Hitler nin a Stalin lles declararon persoa non grata en Pontevedra, son o único na historia da cidade”, dixo.

Nunha entrevista en Antena 3, asegurou que a decisión municipal lle doeu máis que o puñazo que lle propinou un novo, tamén en Pontevedra, durante a campaña electoral, porque iso foi “unha persoa illada” e isto unha decisión dunha corporación.

Rajoy explicou que foi unha iniciativa do PSOE e da Marea, “as colegas de Podemos, e engadiu que deles o esperaba, pero non do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, do BNG, do que revelou que lle enviou unha carta cando foi agredido na cidade e que el lle respondeu agradecéndoo.

Por iso sorprendeulle a súa actitude neste asunto. “Non debeu facelo, non llo reprocho porque probablemente dende o punto de vista político era moi complicado para el, pero non debeu facelo porque non gaña nada con iso”, engadiu Rajoy.

En canto á actitude dos concelleiros socialistas, opinou que o farían por iniciativa propia e sen consultar a dirección federal do partido. “Se alguén chama ao PP a dicir que queren declarar a (José Luis Rodríguez) Zapatero persoa non grata en León dígolles que están tolos”, afirmou.

“SOMOS SERES HUMANOS”

Ao presidente do PP “amoloulle realmente” a decisión e dixo que “amolou” tamén á súa familia, porque Pontevedra é unha cidade onde viviu, onde casou e onde ten amigos. “Ás veces cre que os que nos dedicamos á política non temos sentimentos pero somos seres humanos”, remarcou.

O alcalde de Pontevedra xustificou a decisión da casa do concello no feito de que o Goberno en funcións renovou por outros 60 anos a concesión á fábrica de celulosas que Ence ten instalada na ría, a pesar de que inicialmente estaba previsto que cambiase de situación en 2018.

24 de febreiro de 2016 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.