publicidade hoxe

Luis Menor enxalza a resposta ante as emerxencias do GES e dos voluntarios de Protección Civil de Monterroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterroso
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou hoxe Monterroso para coñecer de primeira man o Grupo de Emerxencias Suramunicipal (GES) e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do concello.

O director xeral de Emerxencias destacou o importante labor que realizan estes grupos para ofrecer o mellor servizo de emerxencias posible e desde o chanzo máis próximo á cidadanía: os propios concellos.

A Xunta, consciente deste esforzo, intenta potenciar o seu traballo a través dunha ampla oferta formativa na Academia Galega de seguridade Pública -onte mesmo Luis Menor presentou a súa programación para o 2016- e coa dotación de medios materiais.

O GES de Monterroso foi creado no ano 2013 xunto con outros seis grupos na provincia de Lugo, ten 12 efectivos e atende as emerxencias ordinarias e extraordinarias dos concellos de Antas de Ulla, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín e Taboada.

No ano 2015 tiveron máis de 500 saídas para a atención de incidencias e intervencións, fundamentalmente accidentes, incendios, busca de persoas desaparecidas, actuacións medioambientais e sociais e danos ocasionados polos temporais.

Voluntarios de Protección Civil

En colaboración co GES presta a súa actividade a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que foi creada a mediados dos anos 90 e na actualidade conta con 27 membros. Menor destacou a importancia deste tipo de agrupacións que complementan o labor dos grupos de emerxencias profesionalizados.

A AVPC actúa fundamentalmente en materia de prevención, autoprotección, campañas educativas ou eventos de masas, sempre en colaboración coas autoridades de protección civil. É de especial interese o seu traballo de atención ás emerxencias que poden sufrir os peregrinos no tramo do Camiño que discorre por Portomarín, Monterroso e Palas de Rei.

Tanto os GES como os voluntarios de Protección Civil complementan e reforzan a rede profesional de xestión e atención ás emerxencias de Galicia, que xunto a bombeiros, policías, o Centro de Atención ás Emerxencias 112 e o 061, entre outros, conforman unha auténtica malla de seguridade en todo o territorio galego.

25 de febreiro de 2016 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.