López-Chaves reúnese cos presidentes da CEP e da Cámara de Comercio para expoñerlles o proxecto da Cidade da Xustiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente da CEP, Jorge Cebreiros, e da Cámara de Comercio, José García Costas, para tratar o proxecto do Goberno galego de situar a Cidade da Xustiza na torre do Xeral.

Na reunión, o delegado territorial trasladoulles toda a información do proceso levado a cabo ata o momento, e facilitoulles o mesmo informe que a Xunta xa entregou ao alcalde da cidade, onde se fai constar a situación urbanística da parcela, as superficies, e datos de interese para acondicionar o inmoble á nova Cidade da Xustiza.

Ignacio López-Chaves destacou que a Xunta de Galicia está a darlle ao proxecto a maior celeridade posible. Proba diso, é que en dúas semanas desde que se anunciou a intención de ocupar a torre do Xeral polos xulgados, fixéronse xuntanzas co colectivo xudicial, co alcalde de Vigo, cos comerciantes e veciños, e agora coa Cámara de Comercio e a CEP. Segundo dixo, xa se falou coa Tesouraría da Seguridade Social para a retrocesión do edificio, e a Xunta de Galicia xa está a traballar no prego do concurso de ideas.

O delegado territorial da Xunta lembrou que se trata dun proxecto “que está a contar co apoio de todo o mundo, xa que estamos a falar de achegar a nova Cidade da Xustiza ao centro da cidade —apuntou—, sen esquecer que temos que atopar o mellor contido para os dous edificios da rúa Lalín, propiedade da Xunta de Galicia.”

Pola súa banda, o presidente da Cámara de Comercio, José García Costas, recoñeceu que o proxecto lle sorprendeu moi gratamente, así como a acollida de todos os colectivos. Segundo asegurou, non hai ningunha dúbida de que “os edificios dos xulgados actuais terán aplicación”, e de que “con esta decisión resólvese o futuro da Cidade da Xustiza”.

Na mesma liña, o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, lembrou tamén a preocupación polo futuro dos negocios da rúa Pizarro, que con esta iniciativa, dixo, “se disipan”. “É importante que sumen todos os colectivos e todas as administracións como estamos a comprobar con este tema”, dixo Cebreiros.

Para rematar a rolda de prensa Ignacio López-Chaves reiterou o total compromiso da Xunta de Galicia en ocupar coa Cidade da Xustiza o edificio do Xeral. “Desde a Xunta queremos achegar a xustiza ao centro da cidade e a un edificio referente”, dixo López-Chaves.

26 de febreiro de 2016 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.